13/mai/2016

Nava Castro enxalza a hospitalidade como a pedra angular do Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, enxalzou a hospitalidade como a pedra angular da Ruta Xacobea na inauguración da exposición ‘Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago. Fotografías de Manuel G. Vicente’ no Palacio Arcebispal de Ourense.

Nava Castro cualificou a hospitalidade de “fundamental” para conservar o legado da peregrinación e explicou que esta caracteriza ao pobo galego, que fai que o peregrino “se sinta coma na casa” despois de percorrer máis de 100 quilómetros. Deste xeito, fixo fincapé no labor desinteresado que realizan os hospitaleiros e as asociacións de amigos do Camiño en calquera parte do mundo.

A mostra recolle este sentimento nas fotografías que Manuel G. Vicente tomou ao longo do Camiño durante as últimas décadas e transmite, tal e como explicou a directora de Turismo de Galicia, o marco sensible no que o peregrino se comunica co contorno natural e humano. Neste sentido, a exposición reflicte con imaxes a comunicación do peregrino consigo mesmo e deste co propio Camiño, cos seus compañeiros de experiencia así como cos hospitaleiros e paisanos dos lugares polos que transcorre.

A directora de Turismo afirmou que esta fraternidade é un valor intrínseco da experiencia xacobea que achega vivencias e novas amizades ao peregrino. Este aspecto positivo, unido aos valores patrimoniais, naturais, culturais e gastronómicos fan que o Camiño continúe en pleno auxe na actualidade.

Neste sentido, Nava Castro subliñou o incremento de peregrinos que vén rexistrando o Camiño. En 2015 chegaron a Galicia 262.515 peregrinos procedentes de máis de 150 países e no que vai de ano xa se rexistraron máis de 38.000, o que supón un aumento do 5% sobre o mesmo período do 2015.