25/abr/2016

Nava Castro avanza un programa para o Ano da Misericordia que lle achegará valor engadido á oferta turística galega

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou esta mañá as xornadas internacionais de estudo e actualidade ‘Misericordia e peregrinación’ no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela.

A responsable de Turismo da Xunta aproveitou para presentar a programación especial do Ano Extraordinario Xubilar da Misericordia que, segundo afirmou, “achegará un valor engadido á oferta da nosa comunidade”.

Nava Castro explicou que o programa inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, numerosas actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao peregrino.

Deste xeito, segundo sinalou, Galicia acollerá durante este período de celebración numerosas exposicións, entre as que destacou a exposición “Galicia, Casa dos Peregrinos”, que se celebrará nos meses de maio e xuño no colexio Fonseca; a mostra itinerante “Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago”, que percorrerá diversas cidades galegas e inglesas; ou a exposición “Via Iacobitana”, que poderá verse en diversos destinos nacionais, entre outras.

Ademais, a programación incluirá diversos congresos e conferencias así como programas culturais e concertos. Así, Santiago de Compostela acollerá de maio a novembro o ciclo de conferencias “Novas formas de solidariedade”, que contará coa participación de importantes personalidades como Vicente del Bosque ou Paula Farias, presidente de Médicos Sin Fronteras, entre outros. Cómpre tamén destacar o curso que promoverá a Universidade de Santiago de Compostela no verán “IX Lecciones Jacobeas Internacionales: la hospitalidad en el Camino de Santiago”. Pola súa parte, a música terá gran protagonismo neste programa especial con programas como “Música no Camiño” ou o ciclo “Cultura no Camiño”.

Nava Castro destacou que no marco deste programa especial levaranse a cabo tamén importantes iniciativas relacionadas coa conservación do patrimonio e actuacións orientadas a mellorar a acollida dos peregrinos, algunhas delas xa postas en marcha, como o Plan de Actuación do Monte do Gozo, a rehabilitación da Casa de Pasarín na Fonsagrada como albergue de peregrinos ou o novo albergue da cidade de Ourense.

“Con todo, este Xubileo Extraordinario terá unha repercusión moi importante na actividade económica de Santiago de Compostela, en particular, e de Galicia, en xeral”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

‘Misericordia e peregrinación’
Pola súa parte, as xornadas ‘Misericordia e peregrinación’ inclúen un amplo programa que reúne na capital galega un elenco de expertos composto por membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, prestixiosos profesores e estudosos da historia, a arte, o dereito e a liturxia, xunto con hospitaleiros voluntarios e responsables diocesanos de peregrinacións.

A través das mesmas afondarase en diversos temas tan importantes no fenómeno xacobeo como a peregrinación, a misericordia e a hospitalidade no Camiño tanto na Idade Media como na actualidade a través dun selecto conxunto de conferencias e unha mesa redonda.

Así, estas xornadas de estudo continuarán poñendo en valor a dimensión internacional do fenómeno da peregrinación xacobea e converterán  Santiago de Compostela de novo na capital das peregrinacións.