18/Aug/2014

O Xacobeo e o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago presentan o número catro da revista "Ad Limina"

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, e o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci Von Saucken, presentaron o número catro da Revista de Investigación do Camiño de Santiago e as Peregrinacións ‘Ad Limina’. Trátase dunha publicación científica editada por Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e promovida polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, que aglutina os investigadores máis coñecidos internacionalmente de temática compostelá.

Entre as actividades realizadas polo Comité desde a súa creación en 1992 destaca a súa función de asesoramento en relación á Ruta Xacobea, a edición de decenas de publicación científicas; a dirección e organización de congresos internacionais; a creación de novos proxectos e liñas de investigación e a realización de traballos de produción de coñecemento e promoción cultural de máximo nivel nos seus respectivos países

Ademais, editan a revista de investigación xacobea, ‘Ad Liminia’, con carácter multidisciplinar e multilingüe e realizan traballos de produción de coñecemento e promoción cultural de máximo nivel nos seus respectivos países, difundindo publicacións científicas e dirixindo teses, revistas e investigacións sobre o fenómeno xacobeo no seu territorio e idioma, ademais de crear e manter centros de estudos xacobeos no estranxeiro.

Caucci von Saucken avanzou tamén que o vindeiro número de ‘Ad Limina’ consistirá nun monográfico sobre a figura de San Francisco e a súa vinculación coa cultura xacobea e editarase no marco do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.