11/Jul/2014

O Camiño de Santiago foi designado Embaixador Honorario da Marca España na categoría de Relacións Institucionais

Camiño de Santiago foi designado Embaixador Honorario da Marca España, na categoría de Relacións Institucionais, por un prestixioso Xurado reunido no Parador do Saler (Valencia). O devandito Xurado estivo integrado por numerosos representantes de empresas asociadas ao Foro de Marcas Renombradas Españolas (FMRE), de diversas institucións da sociedade española, así como por altos representantes da Administración Pública española.

O Foro de Marcas Renombradas Españolas co apoio e a colaboración do Alto Comisionado do Goberno para a Marca España, concede estas Acreditacións aos Embaixadores Honorarios da Marca España con carácter bienal, ao obxecto de ofrecer un recoñecemento público a aquelas persoas ou institucións españolas que ao longo da súa traxectoria profesional contribuíron e contribúen significativamente a reforzar a imaxe de España no mundo. Os outros sete Embaixadores Honorarios da Marca España desta 6ª promoción, xunto co Camiño de Santiago, foron:

  • Na categoría de Xestión Empresarial: Pablo Isla, Presidente e Conselleiro Delegado de Inditex
  • Na categoría de Acción Social: Cáritas Española
  • Na categoría de Turismo e Gastronomía: Hermanos Roca (el Celler de Can Roca)
  • Na categoría de Comunicación e Cultura: Real Academia Española de la Lengua
  • Na categoría de Deportes: Edurne Pasabán
  • Na categoría de Ciencia e Innovación: Instituto Valenciano de Infertilidad (IVI)
  • Acreditación Extraordinaria XV Aniversario FMRE: Josep Piqué

A cerimonia de entrega destas Acreditacións contará previsiblemente co apoio da Casa Real, como así sucedeu nas anteriores edicións, e terá lugar o próximo ano, 2015, en data aínda pendente de determinar.