10/Jul/2014

O Camiño Inglés, na súa variante da Coruña, conta cun novo albergue de peregrinos en Sergude, Concello de Carral

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, inaugurou o novo albergue público co que a partir de agora vai contar o concello coruñés de Carral, situado na parroquia de Sergude, ao pé do Camiño Inglés. Trátase dun establecemento con capacidade para 30 prazas de aloxamento que ocupan unha superficie de 358 m², que supuxo un investimento de 609.000 euros.

Coa inauguración deste novo albergue, serán 5 os establecementos públicos de hospedaxe para peregrinos dispoñibles ao longo do Camiño Inglés, ademais do de Neda, o de Miño, o de Betanzos -inaugurado o pasado ano-, e o de Mesía.

Actualmente son 70 os establecementos que compoñen a rede pública de albergues, que oferta un total de 3.308 prazas para acoller aos peregrinos que transitan polo Camiño de Santiago. O Camiño Francés é un dos que conta cun maior número de albergues, 23, con 1.673 prazas; seguido do Camiño da Vía da Prata, con 12 aloxamentos públicos; o Camiño Portugués, con 10; o Camiño do Norte, con 9; o Camiño Primitivo, con 6, ou o Camiño de Fisterra-Muxía, con 5 destes establecementos.

+info