8/Jul/2014

A Xunta de Galicia anuncia a licitación da redacción do Plan director do Camiño de Santiago

A Xunta iniciou os trámites para que Galicia poida contar por primeira vez cun Plan global director dos Camiños de Santiago que se converterá na folla de ruta para revitalizar, promocionar e promover os camiños de cara ao próximo Xacobeo 2021.

Deste xeito, e con seis anos de traballo ata a próxima gran cita xacobea, Ano Santo 2021, a Xunta inicia os trámites para poder contar con dous instrumentos de xestión: un Plan director, que analizará e diagnosticará as necesidades para seguir poñendo en valor os camiños; e, posteriormente, un Plan estratéxico que fixará as distintas propostas de actuación que se levarán a cabo.

Conscientes da grande fortaleza do Camiño, cun espectacular crecemento do número de peregrinos e de países representados nos últimos anos (150 países e, ata finais de maio recolleron a Compostela un total de 49.728 peregrinos dos cales o 60,95% foron estranxeiros), Feijóo afirmou que os datos obrigan a redefinir as estratexias e políticas que se desenvolven ao seu redor.

A Xunta é coñecedora do desequilibrio existente en canto ao número de peregrinos nos distintos camiños, a acentuada estacionalidade, a baixa coordinación entre os diversos axentes implicados –tanto públicos como privados-, a mellorable calidade dos servizos que se prestan aos peregrinos, o reducido aproveitamento das canles de promoción existentes a nivel nacional e internacional, e os distintos problemas de seguridade viaria ou de accesibilidade nalgúns tramos fan necesario a elaboración dun plan global director.