9/May/2014

A ONCE emitirá un cupón conmemorativo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, o delegado da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e mais o ministro provincial dos Franciscanos de Galicia, José Antonio Castiñeira, presentaron o cupón da ONCE que se emitirá con motivo da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Emitiranse cinco millóns e medio de cupóns o día 13 de maio. O cupón dedicado ao VIII centenario está ilustrado co logotipo da conmemoración, así como co monumento pétreo do escultor galego Francisco Asorey dedicado ao santo de Asís e coa fachada do Obradoiro da catedral compostelana.

O obxectivo principal do programa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela é impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea de San Francisco de Asís, un dos grandes personaxes da historia da Humanidade.