4/mar/2014

Turismo de Galicia inaugura en Le Puy-en-Velay a exposición “Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago”

A exposición didáctica Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago, sobre a historia e os contidos do Códice Calixtino, o ambiente cultural no que naceu, a mentalidade da época, a Catedral e a cidade de Santiago no século XII e unha síntese da historia do Camiño de peregrinación e os seus valores culturais, remata a súa itinerancia iniciada en Barcelona no ano 2012 coa súa chegada á localidade francesa de  Le Puy-en-Velay .  

A exposición, organizada por Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, permanecerá ata o 11 de maio no Hotel-Dieu, no número 2 da Rue Becdeliévre. 

Na organización deste evento colaboran con Turismo de Galicia a Fundación Catedral de Santiago, a Federación Europea dos Camiños de Santiago e, nesta ocasión, o Hotel-Dieu de Le Puy-en- Velay. Algunhas das pezas que se poderán ver na exposición son orixinais e outras son edicións facsímile, como unha reprodución do Códice Calixtino do século XII; unha peza orixinal dun capitel xeminado medieval dunha casa compostelá; un facsímile da cruz doada polo rei Afonso III en 874 - peza de ouro e pedrería realizada en 2004- ; un libro orixinal cunha escena de peregrinación con gravados do século XVI ou un rosario de acibeche e prata do gremio de Acibecheiros de Santiago do século XIX. 

Ademais, amósanse fotografías ampliadas de miniaturas do Códice; a reconstrución virtual dun altar maior románico da catedral de Santiago segundo unha descrición do Libro V do Calixtino e a música ambiental da exposición procede das notacións orixinais do Códice Calixtino. A mostra complétase con textos, fotografías e a posibilidade da visión completa do Códice en edición dixital, así como diversas recreacións audiovisuais baseadas en datos do Libro V do Códice e dun programa de visita virtual á Basílica Xacobea denominado Libro de Pedra.

Tamén inclúe importantes exemplos da creatividade artística contemporánea, en especial as láminas orixinais de Francisco Leiro que acompañan á primeira edición íntegra en galego do Códex, mentres que artistas como Luis Gabú, Santy López, Manuel Valcárcel, Margen Fotografía, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach ilustran coas súas fotografías a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi.