26/dec/2013

O presidente da Xunta transmítelle aos veciños de Muxía a solidariedade do Goberno galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladoulle aos veciños de Muxía a solidariedade do Goberno galego ante o incendio que causou danos moi importantes no Santuario da Virxe da Barca provocado, ao parecer, polo impacto dun raio contra un transformador próximo.

O mandatario autonómico, en conversación telefónica co alcalde de Muxía, Félix Porto, transmitiulle a solidariedade e o apoio da Xunta aos veciños ante o acontecido, e comprometeuse a reconstruír, entre todos, o Santuario da Virxe da Barca, un lugar emblemático e de referencia na Costa da Morte.

Feijóo lamentou o suceso e destacou a grande importancia que o santuario ten, tanto pola súa historia como polo seu atractivo turístico, para a comarca e para toda Galicia. O presidente da Xunta subliñou a gran devoción dos mariñeiros cara á Virxe da Barca e a importancia que ten o santuario para moitos peregrinos que, tras visitar Compostela, deciden finalizar alí o seu Camiño.