25/out/2013

A Xunta crea a figura do ‘Embaixador de Honra do Camiño de Santiago’

A Xunta de Galicia aprobou o decreto polo que se crea a figura do ‘Embaixador de Honra do Camiño de Santiago’, que distinguirá o labor das persoas físicas ou xurídicas que teñan contribuído de xeito especial ao coñecemento e divulgación do Camiño, así como da cultura e dos valores xacobeos.

Segundo se especifica no texto, existirán dúas categorías de ‘Embaixador de Honra do Camiño’, ambas as dúas con carácter vitalicio e exclusivamente honorífico: a categoría a título persoal e a categoría de carácter institucional.

A presentación de propostas de candidatos para o título poderá realizarse ao longo de todo o ano. E os embaixadores comprometeranse a colaborar na programación cultural anual da Xunta con, polo menos, unha acción ou actividade, para a divulgación dos valores humanos e sociais, culturais e espirituais do Camiño.

Así mesmo, poderán concederse como máximo oito títulos de embaixador vitalicio en cada categoría, correspondentes ao número das oito rutas históricas do Camiño de Santiago; e a entrega das distincións farase no mes de outubro de cada ano, coincidindo co día en que o Camiño foi declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa hai 26 anos.