4/Oct/2012

O Xacobeo e Begano firman un acordo de colaboración para a plantación de árbores autóctonas no Camiño Inglés

O xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso e mais o director comercial de Bebidas Gaseosas do Noroeste, S.A., José Picado Carballeira ratificaron esta mañá un acordo de colaboración a través do cal Begano se compromete á plantación de árbores autóctonas no Camiño Inglés ao seu paso polo Concello de Abegondo. O Xacobeo, pola súa parte, comprométese a xestionar os permisos de plantación, tanto coa administración local como cos propietarios dos terreos nos que se realizará a reforestación.

En virtude deste convenio, antes do 20 de decembro traballadores voluntarios da empresa procederán á plantación de castiñeiros, cerdeiras, acivros, ameixeiras e abeleiras, entre outras especies autóctonas, ao longo dun tramo do Camiño Inglés que percorre as parroquias de Limiñón, Meangos, Vilacoba, Folgoso e Sarandós do concello de Bergondo.
 
O obxecto destas plantacións é formar pantallas vexetais de xeito que proporcionen sombra aos peregrinos e contribúan á beleza e á posta en valor das rutas xacobeas.