20/mar/2012

Certame de cine xacobeo “Ponte entre culturas” no festival español de cine e cultura “cinEScultura”

Trátase dun concurso para curtas e longametraxes tanto de ficción como documentais que inclúan ao Camiño de Santiago na súa trama. As copias enviaranse antes do 11 de abril á cidade alemá de Ratisbona e pasarán a formar parte do arquivo do Festival.

O festival español de cine e cultura “Cinescultura”, que celebra na cidade alemá de Ratisbona (Regensburg en alemán) a súa quinta edición entre o 16 de maio e o 6 de xuño, convoca dentro das súas actividades o certame de cine xacobeo “Ponte entre culturas”.  Este concurso cinematográfico é tanto para curtos como para longametraxes, ben sexan de ficción ou documentais, e a única condición é que inclúan na súa trama ao Camiño de Santiago ben sexa de forma central ou episódica.  Quedan excluídas obras de carácter publicitario, industrial ou turístico.   O formato pode ser en 35 mm.  ou en DVD PAL e non existe límite no número de obras que pode enviar cada autor, sempre que fosen realizadas a  partir do 1 de xaneiro de 2008 e non se presentaran a anteriores edicións deste festival.  As obras irán no seu idioma orixinal e sempre que este sexa diferente do castelán deberán estar subtituladas en castelán, alemán, francés ou inglés.

O prazo de inscrición no concurso remata o día 11 de abril.  Antes desa data enviaranse as copias en formato DVD PAL ao seguinte enderezo:

Festival Cinescultura.  Cine Xacobeo
Forschungszentrum Spanien
Universitat Regensburg
UniversitätsstraBe 31
D-93053 Regensburg / Alemaña

As copias acompañaranse dun CD que conteña:  currículo e unha foto do director.  Sinopse en castelán e inglés.  Ficha artística.  Ficha técnica.  3 fotografías do film.  CIF/NIF da produtora.  Lista de diálogos en castelán.  Tamén canta información complementaria considérese oportuna, como por exemplo carteis, pressbook, etc.  Todas as copias enviadas pasarán a formar parte do arquivo do Festival e non se proxectarán sen permiso expreso dos seus autores despois da edición Cinescultura 2012.

O xurado será nomeado pola organización do Festival e outorgará un premio consistente no trofeo “Ponte entre culturas” e 500 €.  A película premiada poderá ser reproducida noutros proxectos relacionados co Festival e igualmente poderán usarse fragmentos das obras seleccionadas para a súa difusión nos medios de comunicación.

+INFO www.cinescultura.de