12/Mar/2012

Carmen Pardo presentou a guía de cruceiros da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla patrocinada por Xacobeo

A Secretaría Xeral para o Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo colabora coa Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla no patrocinio da edición dunha publicación titulada Guía de Cruceiros Xacobeos no Camiño do Mar de Arousa e Ulla. 

No acto de presentación, que tivo lugar tras a reunión do Padroado Ordinario da fundación, que itinera por cada un dos 22 concellos que a forman, estiveron presentes, ademais dos alcaldes dos concellos representados, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e mais o presidente da Fundación Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, Javier Sánchez-Agustino.

A publicación, da que se editaron 9.200 exemplares, recompila localizacións, información detallada, mapas e rutas, así como acontecementos históricos e fai un repaso polos cruceiros que conforman o único vía crucis marítimo-fluvial do mundo. Os cruceiros da Ruta Xacobea foron esculpidos inicialmente por Alfonso Sanmartín Abelleira nunha iniciativa promovida polo fundador da entidade, José Luís Sánchez-Agustino. Posteriormente, a Mancomunidade de municipios de Arousa Norte promoveu a colocación doutros catro exemplares realizados polo escultor de Porto do Son Cabeza Quiles.

Os concellos que forman parte desta fundación son: Boiro, Brión, Cambados, Catoira, Dodro, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, O Grove, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Ribadumia, Rois, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Dende 1965, pode percorrerse por mar esta ruta que conmemora a chegada a Galicia por mar do corpo do Apóstolo Santiago O Maior, logo de seu martirio en Xerusalén no ano 44. Anualmente, a fundación organiza a conmemoración da Traslatio a través da Ría de Arousa.

A guía dos cruceiros xacobeos desta ruta estará dispoñible nos organismos e entidades turísticas dos 22 concellos que forman parte da fundación, así como noutras dependencias turísticas de ámbito local, autonómico e incluso europeo.