16/Feb/2012

O Xacobeo participará na VII Edición da Feira Navartur que terá lugar en Pamplona entre os días 17 e 19 de febreiro

A Xunta de Galicia, a través da S.A de Xestión do Plan Xacobeo, participará na Feira Internacional de Turismo Navartur que celebrará a súa sétima edición entre os días 17 e 19 de febreiro. A feira terá lugar no “Palacio de Ferías y Congresos Baluarte”, de Pamplona, e ten un carácter mixto, para profesionais e público en xeral, o que se considera un formato idóneo para a promoción dos Camiños de Santiago. A feira conta cun espazo expositivo de 6.000 m2 que ocuparán 150 expositores tanto de España como do estranxeiro. O Xacobeo non só proporcionará información relativa aos Camiños senón tamén sobre Galicia como destino turístico.

A feira compleméntase cunha importante oferta de actividades paralelas. Destaca o III Congreso Internacional de Turismo Rural que o pasado ano reuniu a máis de 350 participantes entre expertos e congresistas que achegaron experiencias innovadoras de Alemaña, Austria, Gran Bretaña, Francia, Portugal e a propia España. O congreso, considerado polos organizadores como o evento máis importante relacionado co Turismo Rural que se celebra no sur de Europa, centra o seu programa desta edición nos produtos culturais como motores do desenvolvemento nas áreas rurais.