8/Feb/2012

O Xacobeo asina un convenio con Repsol para a plantación de árbores autóctonas nos camiños Francés e Portugués

A  S.A. de Xestión do Plan Xacobeo  asinará o sábado día 11 de febreiro ás 12.00 h. no concello de Portomarín un convenio de colaboración coa empresa Repsol para a plantación de árbores autóctonas nos Camiños Francés e Portugués.  

A continuación da firma, traballadores voluntarios desta empresa trasladaranse á zona sinalada e procederán á plantación, principalmente de loureiros,  nun tramo duns 3 quilómetros do Camiño Francés.  A seguinte actuación terá lugar no concello de Caldas de Reis o próximo día 25 de febreiro, onde se plantarán carballos e castiñeiros nun tramo do Camiño Portugués.   

O obxecto destas plantacións é formar pantallas vexetais de xeito que palíen o impacto visual das estradas próximas aos Camiños ao tempo que serven de protección aos peregrinos.

Este convenio enmárcase dentro da estratexia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de involucrar a empresas privadas na divulgación, conservación e mantemento dos Camiños de Santiago.