17/Nov/2011

Conferencia en Segovia sobre as motivacións dos peregrinos para facer o Camiño de Santiago a cargo dun técnico de Xacobeo

Hoxe xoves, día 17 de novembro, ás 20.00 h., terá lugar no Casino La Unión de Segovia a conferencia titulada “Motivaciones de hoy y de siempre para hacer el Camino de Santiago”, a cargo do xornalista e técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo Manuel Rodríguez. 

A conferencia está organizada pola “Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Segovia” e conta coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.  Na súa exposición, Manuel Rodríguez pasa revista ás complexas razóns históricas que dende o século X levaron a multitudes de peregrinos de unha Europa sumida en grandes dificultades a emprender a viaxe a Compostela.  A fonda fe relixiosa foi a principal motivación, pero houbo outras, como o impulso aventureiro, e todas conectadas entre si definen un xeito común de percibir o sentido da viaxe que é a existencia humana.  O mantemento destas motivacións explica tamén o éxito e rexurdimento actual do Camiño de Santiago e xustifican o que continúen chegando a Compostela peregrinos de todos os continentes e das máis variadas culturas. 

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Segovia, organizadora deste acto que espertou unha grande expectación na cidade castelá, ten  pouco máis dunha década pero ven mantendo unha grande actividade na promoción e sinalización do chamado Camiño de Madrid, que cun trazado de 321 kms. conduce dende a capital de España a Sahagún, enlazando tamén as cidades de  Segovia e Valladolid co Camiño Francés.  Entre os proxectos da Asociación segoviana, está a próxima apertura dun albergue de peregrinos no barrio de Zamarramala.

+ INFO: caminosantiago.asociaciones.segovia.es