15/Nov/2011

O Cuarteto Emerson actuará mañá en Santiago no marco do ciclo Galicia Classics

O conxunto, que foi gañador de nove Premios Grammy, tres Premios Gramophone e un premio Avery Fisher, interpretará obras de Mozart e Beethoven, ofrecerá un programa formado por obras de Mozart e Beethoven, entre as que destacará o ‘Cuarteto Prusiano, K.589’.

O Cuarteto Emerson, considerado un dos máis importantes grupos de cámara do mundo e o mellor cuarteto de corda de Norteamérica, actuará mañá mércores no Auditorio de Novacaixagalicia (Rúa Preguntoiro) de Santiago ás 20,30 horas no marco do ciclo Galicia Classics, promovido pola Xunta de Galicia no Ano da Música 2011. O Emerson String Quartet, formado por Eugene Drucker e Philip Setzer (violíns); Lawrence Dutton (viola) e David Finkel (violonchelo), ofrecerá un programa formado por obras de Mozart e Beethoven, entre as que destacará o ‘Cuarteto Prusiano, K.589’ que forma parte do seu último disco, unha gravación para o selo Sony que logrou as mellores críticas.

O Emerson pasou a formar parte da historia dos cuartetos de corda pola súa gran cantidade de logros obtidos durante tres décadas. Preto de 30 gravacións de éxito producidas por Deutsche Grammophon dende 1987, nove Premios Grammy, incluíndo dous ao Mellor Álbum de Música Clásica, tres Premios Gramophone e o cobizado premio Avery Fisher constitúen unha honra sen precedentes para un conxunto de música de cámara. Asemade, recibiron numerosas condecoracións en ciclos dos cuartetos de corda de Beethoven, Bartók, Mendelssohn e Shostakovich nas principais capitais mundiais da música.

Durante esta tempada ofreceron tres concertos no Wigmore Hall de Londres, e realizaron a estrea mundial de The Four Quarters, de Thomas Adès, no Auditorio Stern del Carnegie Hall, unha obra que o cuarteto interpretará despois no Walt Disney Concert Hall en Los Ángeles e no South Bank Centre en Londres. Outras actuacións internacionais tiveron lugar en Francia, Rusia, México e Noruega, ademais de en moitas cidades de Alemaña, Italia, Dinamarca, Suíza e Austria. Os seus compromisos en Norteamérica levounos a Montreal, Boston, Filadelfia, Washington D.C, Detroit, Chicago, Houston, Costa Mesa, San Diego, Santa Bárbara, Seattle e Vancouver, entre outros.