10/Nov/2011

A Xunta de Galicia promociona o Camiño en Corea do Sur e Holanda

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo presentará o Camiño como exemplo de itinerario sostible o venres en Seúl ante representantes dos cinco continentes.

A Xunta de Galicia está a promocionar nestes días o Camiño de Santiago a través de dúas conferencias internacionais nas cidades de Seúl (Corea do Sur) e Utrecht (Holanda). No marco da promoción internacional do Camiño de Santiago, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo presentará en Seúl a ruta xacobea como exemplo modélico de itinerario sostible, dentro da Conferencia mundial da International Walking & Biking City Federation (Federación internacional de camiñantes e ciclistas urbanos). Do mesmo xeito, a S.A. de Xestión participou entre o 2 e o 5 de novembro no marco da Conferencia Internacional sobre o Camiño de Santiago na cidade holandesa de Utrecht. A Xunta de Galicia enmarca estas dúas iniciativas na proxección dos recursos culturais e turísticos galegos cara escenarios de relevo a través da posta en valor das excelencias do Camiño de Santiago ante distintos persoeiros do panorama político, cultural e social dos cinco continentes.

O vindeiro venres, 11 de novembro, o Xacobeo presentará o Camiño de Santiago como exemplo modélico de itinerario sostible, no marco da Conferencia mundial da International Walking & Biking City Federation. O evento, promovido por esta organización en colaboración coas Nacións Unidas, celebrarase na capital surcoreana con motivo do Ano Internacional dos Bosques. A presentación do Camiño de Santiago correrá a cargo da directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, en colaboración coa responsable de Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, Lanzada Calatayud. A presentación contará coa participación asemade, da escritora coreana Kim Hyo-Seon, autora dun dos libros sobre a Ruta Xacobea de máis éxito en Corea. Esta conferencia da man do Xacobeo responde ao interese suscitado en Asia na experiencia do Camiño de Santiago como ruta espiritual, que realizan, ademais de peregrinos, camiñantes e ciclistas das máis diversas procedencias.

Na súa intervención, a responsable do Xacobeo amosará os traballos de recuperación do trazado físico do Camiño de Santiago realizados nos últimos anos. Neste contexto, explicarase o proceso de recuperación e mellora dos contornos das rutas xacobeas galegas con especies arbóreas autóctonas. Trátase dun labor levado a cabo tamén en distintos tramos destas vías noutras partes do Camiño en España e que, en ambos os dous casos, continúa na actualidade. Tamén se explicará o proceso de creación e xestión das infraestruturas específicas destinadas aos camiñantes e ciclistas xacobeos como é o caso da rede de albergues públicos, os espazos habilitados para bicicletas ou a edición de textos e guías relacionadas, entre outros.

Na Conferencia Internacional participarán representantes de gobernos, concellos, organizacións internacionais e sociais, e expertos chegados dos cinco continentes. A International Walking & Biking City Federation, tamén coñecida como World Wike City Federation, ten como presidente a Chung Un-Chan, ex primeiro ministro de Corea do Sur. O obxectivo da organización é fomentar o contacto entre os medios urbano e natural a través do sendeirismo a pé e en bicicleta, facilitando así un maior entendemento e coidado dos contornos naturais. Tamén apoia e promove a axenda mundial da ONU para a loita contra o quecemento global e o cambio climático.

Conferencia Internacional en Utrecht
Ademais da súa posta en valor no marco da Conferencia Mundial sobre Sendeirismo en Seúl, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo vén de promocionar o Camiño na cidade holandesa de Utrecht, dentro da Conferencia Internacional sobre o Camiño de Santiago que contou coa participación de asociacións e organizacións de carácter xacobeo de Europa, Estados Unidos e Xapón. As dezanove entidades representadas, que contan en conxunto con máis de trinta mil socios, pertencían a Holanda, Bélxica, Reino Unido, Irlanda, Francia, Alemaña, Polonia, Dinamarca, Noruega, Luxemburgo, Estados Unidos e Xapón. Tamén mandou un informe sobre a súa actividade a asociación de Sudáfrica, aínda que non contou con representación oficial.

O encontro, o primeiro de semellantes dimensións que se celebra no mundo, tivo lugar entre o mércores e o sábado da pasada semana. Participaron preto de cen presidentes e directivos das 19 entidades presentes. O obxectivo das intensas sesións de traballo centrouse na posta en común de mecanismos de colaboración e información entre as asociacións xacobeas no mundo e, especialmente, o sentido da Ruta Xacobea no futuro inmediato, tras os anos de eclosión iniciados a primeiros dos pasados noventa. Neste sentido, o lema do encontro foi "Reflexións sobre o renacemento do Camiño de Santiago". A conferencia partiu dunha iniciativa promovida e patrocinada pola Asociación Holandesa de Amigos de Santiago (Nerderlands Genootschap van Sint Jacob), que celebra en 2011 os 25 anos da súa creación en 1987, coincidindo coa declaración do Camiño de Santiago como primeiro Itinerario Cultural de Europa. Foi daquela cando un influínte grupo de holandeses que viñan peregrinando a Compostela con certa frecuencia e estudando desde anos atrás o rico patrimonio xacobeo holandés decidiron a creación da devandita entidade.

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, representada no encontro por dous técnicos especializados en asociacións e investigación xacobea, colaborou coa entidade holandesa no patrocinio das actividades. Tamén se realizou unha exposición, ante todas as entidades presentes, sobre a orixe, obxectivos e previsións de futuro da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo como ente da Xunta de Galicia especializado na promoción e dotación de servizos do Camiño de Santiago. Asemade, a S.A. de Xestión contribuíu a este proxecto cunha colección fotográfica sobre a peregrinación en España que la artista alemá Silvia Steinback realizou ao longo do Camiño Francés. Esta mostra está composta por unha colección de 55 fotografías en cor e branco e negro cunha estética moi persoal. As imaxes mostran a ruta, as pontes, as igrexas, os mosteiros e catedrais e mesmo os peregrinos en Navarra, A Rioxa, Castela León e Galicia.

Os participantes, ademais de poñer en común as actividades que de xeito desinteresado levan a cabo a favor do Camiño nos seus respectivos países –información a futuros peregrinos, reparto de credenciais, estudo e sinalización de rutas e patrimonio xacobeo nos seus respectivos países, sostemento de albergues de peregrinos, etc.- tamén estudaron o futuro da Ruta Xacobea, apuntando a necesidade de seguir preservando os seus elementos máis singulares para, á súa vez, garantir e reforzar o futuro da peregrinación compostelá. Á vista dos positivos resultados da experiencia, as asociacións participantes acordaron celebrar un segundo encontro en Polonia, a petición das entidades deste país, en setembro de 2013.

Con motivo do encontro, a Nerderlands Genootschap van Sint Jacob e o Museo Santa Caterina de Utrecht (Museum Catharijneconvent), un dos máis grandes e prestixiosos centros de arte sacra de Europa, organizaron a exposición Pelgrims. Onderweg naar Santiago de Compostela (‘Peregrinos. En el Camino de Santiago de Compostela’). Anunciada con profusión en Holanda, agrupa sobre todo obras do patrimonio xacobeo dese país, complementado con fondos chegados doutros lugares. Trátase da maior exposición de contido xacobeo feita en Europa nos últimos anos. Repasa a tradición xacobea desde a Idade Media ata o presente, período no que se recrea un albergue de peregrinos, as distintas formas actuais de peregrinación ou as sensacións máis intensas dos camiñantes durante a súa experiencia. A mostra, aberta o pasado 15 de outubro, poderase visitar ata o 26 de febreiro do vindeiro ano.

No marco da promoción internacional do Camiño de Santiago, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo leva á cidade holandesa de Utrecht desde o pasado 14 de outubro e ata o vindeiro 26 de febreiro a exposición ‘Peregrinos. O Camiño de Santiago de Compostela’ considerada como a gran exposición da cultura xacobea en Europa Occidental. A mostra, supón unha nova achega dentro da liña de acción promocional do Camiño de Santiago que leva a cabo o Museo Catherjineconvent e a Asociación Holandesa de Amigos do Camiño.