8/Nov/2011

Roberto Varela presenta o primeiro concerto en Galicia de Thomas Hampson

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou xunto ao artista Thomas Hampson no Conservatorio da Coruña o recital que o barítono norteamericano ofrecerá na cidade herculina o día 8 de novembro no marco do ciclo ‘Galicia Classics’ promovido pola Xunta de Galicia no Ano da Música 2011.

O conselleiro asegurou que o ciclo "está a contribuír a situar á nosa Comunidade no circuíto dos grandes eventos da música clásica internacional". A presentación contou coa participación da soprano Alba López, a mezzosoprano Nuria Lorenzo e o barítono Eliseu Mera, participantes nunha master class que ofrecerá Thomas Hampson no Conservatorio da Coruña. Ademais estiveron presentes o director de Galicia Classics, César Wonenburger e o responsable da Cátedra de Canto do Conservatorio da Coruña, Antón de Santiago.

O conselleiro resaltou a calidade do ciclo que da continuidade ao Xacobeo Classics no Ano da Música de Galicia e que ofrece unha nova oportunidade de ver en directo a "algúns dos meirandes intérpretes, directores e formacións do mundo". Neste sentido, Varela lembrou os últimos concertos de grandes nomes como John Eliot Gardiner e o Monteverdi Choir ou Esa Pekka Salonen e a Philharmonia de Londres, e recordou outros anteriores como os de Daniel Barenboim e a Staatskapelle Berlín, Georges Prêtre e a Filarmónica de La Scala, Mischa Maisky, Elina Garança ou Gregory Kunde.

Próximos eventos do Galicia Classics na Coruña
Tras a actuación de Thomas Hampson, o Teatro Colón acollerá de novo un gran espectáculo o vindeiro 4 de decembro. Nesta cita, a sala herculina recibirá ao número un dos contratenores da actualidade, Philippe Jaroussky. O cantante francés chegará a Galicia xunto á Orquestra Barroca de Friburgo para interpretar un programa con algunhas das máis coñecidas arias de óperas de Georg Friedrich Händel. Philippe Jaroussky completará a súa xira española cun concerto no Teatro Real de Madrid poucos días máis tarde. As entradas para estas dúas agardadas citas do ciclo de ‘Grandes Voces’ do Galicia Classics xa están á venta a través do servizo de localidades de Novacaixagalicia. Polo Galicia Classics tamén pasarán este outono primeiras figuras e agrupacións da música internacional como o Cuarteto Emerson, que actuará en Santiago, ou os pianistas Andreas Haefliger e Jorge Luis Prats.

Ademais, o vindeiro 27 de decembro no mesmo escenario, a agrupación xuvenil Cantábile, que o ano pasado interveu na ópera ‘Parsifal’ do Xacobeo Classics, abordará a súa primeira produción dunha ópera, a obra mestra de Henry Purcell ‘Dido e Eneas’, que no seu día se estreou nun colexio. O tenor Pablo Carballido, responsable da laureada agrupación coral coruñesa, seleccionou as voces para esta aproximación á ópera barroca, realizada con elementos integramente galegos.