24/out/2011

Esa-Pekka Salonen debutará esta semana en Vigo cun dos concertos máis esperados do ciclo Galicia Classics

Enmarcado na celebración do Ano da Música 2011, o ciclo Galicia Classics propón a próxima semana a primeira actuación en Galicia do director de orquestra Esa-Pekka Salonen, que estará acompañado en Vigo pola Philharmonia Orchestra, un dos conxuntos máis prestixiosos do Reino Unido, fundado no seu día polo lendario Walter Legge.

A segunda gran cita do Galicia Classics nesta mesma semana será coa  pianista Marta Zabaleta, quen actuará o 27 de outubro en Pontevedra.

O concerto en Vigo de Salonen, un dos máis esperados do Galicia Classics dentro do ciclo “Grandes orquestras”,  celebrarase xusto un século despois do inicio da composición da ópera “O castelo de Barba Azul” de Bèla Bartòk. Terá como protagonistas ademais a mezzo –soprano Michelle Deyoung, a soprano Pilar Jurado e o baixo Jonh Tomlinson. Con eles acudirá o gran pianista Yefin Brofman para interpretar o Concerto número 3 de Bèla Bartòk. O concerto terá lugar no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo o día 30 de outubro ás 19,00 horas. As entradas poden adquirirse a través do enderezo: www.novacaixagalicia.es.

Marta Zabaleta en Pontevedra
O ciclo Grandes Intérpretes de Galicia Classics levará o 27 de outubro a Pontevedra á pianista Marta Zabaleta, especializada en repertorio español, que interpretará en Pontevedra obras de Albéniz e Granados.

A artista guipuscoana conta cunha sólida formación que seguiu ata o momento cunha traxectoria impecable e que a levou a colaborar con directores de talle internacional e con grandes orquestras, como a Sinfónica de Galicia ou a de Berlín.

As entradas para o concerto, que terá lugar ás 20,30 horas no Centro Cultural Novacaixagalicia, poden adquirirse a través das páxinas www.novacaixagalicia.es e www.servinova.es.