19/out/2011

O director John Eliot Gardiner e o Monteverdi Choir actuarán o próximo xoves na Coruña como parte do ciclo Galicia Classics

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo presentou a actuación do Monteverdi Choir baixo a batuta de John Eliot Gardiner que ofrecerán o xoves obras de Brahms, Bruckner e Stravinski.

A Coruña acollerá este xoves, 20 de outubro, unha nova cita do ciclo Galicia Classics. Nesta ocasión, sir John Eliot Gardiner e o mellor coro do mundo, segundo a recente votación da crítica internacional, o Monteverdi Choir, regresarán á cidade herculina tras o seu éxito interpretando a Misa en si menor de J. S. Bach no marco da programación do Xacobeo 2010. No concerto desta semana, interpretaranse obras de Igor Stravsinki, Misa de los salmos, e Anton Bruckner, Misa número 2 en mi menor, outro programa de fondo calado espiritual.

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, presentou a nova actuación do Galicia Classics xunto á directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González, e o director artístico do ciclo, César Wonenburger.

+INFO: www.galiciaclassics.xacobeo.es