14/out/2011

Declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento o Santuario da Peregrina de Pontevedra

A Consellería de Cultura e Turismo elevou ao Consello da Xunta o decreto polo que se outorga a declaración BIC para a capela da Peregrina, un templo ligado ao Camiño de Santiago e un dos poucos exemplos de igrexa con planta central.

O Consello da Xunta vén de aprobar a declaración do Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, no concello de Pontevedra, como Ben de Interese Cultural na categoría de monumento. A Consellería de Cultura e Turismo elevou ao Consello da Xunta o decreto polo que se outorga a declaración BIC ao santuario da Peregrina, un tempo ligado ao Camiño de Santiago e que supón un dos poucos exemplos de igrexas con planta central. No contorno de protección da capela da Peregrina intégranse as rúas de acceso ao templo, as prazas e os edificios cuxa modificación poida incidir directamente na apreciación do ben, na relación deste co seu contorno ou deteriorar a vista do monumento ou dende el.

Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina
O Santuario foi levantado nuns terreos cedidos polo Concello de Pontevedra á Confraría da Peregrina fóra das murallas da cidade medieval e sitúase na Praza da Peregrina, onde o Camiño Portugués de Santiago entra no conxunto histórico de Pontevedra pola rúa da Peregrina, atravesando o que sería a muralla medieval polo Paseo de Antonio Odriozola e a Porta de Trabancas, denominada de Tui. A construción e a situación da capela está ligada indubidablemente ao Camiño de Santiago. A primeira capela construíuse en madeira en decembro de 1776. Dous anos despois, e no mesmo lugar, comezou a construción do templo actual o 18 de xuño de 1778, que rematou no ano 1796, sendo o encargado do proxecto o mestre de obras Antonio de Souto, quen contou coa colaboración de Bernardo José de Mier.

Construída en estilo Barroco tardío, de transición cara ao neoclasicismo, ten como característica fundamental a utilización do plan central, formando parte do pequeno número de igrexas desta tipoloxía en Galicia. Ante a portada, o adro aberto sitúase a unha cota superior que a das rúas. Está perfectamente delimitado por unha balaustrada de pedra que se rompe en catro puntos do perímetro nos que se sitúan as escalinatas de acceso. Fronte da porta de entrada a balaustrada vese interrompida por unha fonte de triplo cano rematada por un arco carpanel sobre o que descansa unha figura de Teucro. Os tres canos verten as augas nunha pía situada no exterior do adro.