7/Oct/2011

Roberto Varela inaugura a exposición "Xacobeo, 20 anos de Camiño"

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, inaugurou hoxe no mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago a mostra ‘Xacobeo, 20 anos de Camiño’, que conmemora o XX aniversario da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo cun percorrido expositivo polos fitos máis destacados destas dúas décadas de historia.

Segundo Roberto Varela, trátase da "máis completa retrospectiva acerca da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e acerca do seu rol como dinamizadora do Camiño de Santiago e do conxunto da cultura, o turismo e a economía de Galicia". En palabras do conselleiro, a exposición percorre "os logros do Xacobeo en cada un dos seus piares fundamentais", que enumerou en catro liñas de actuación: "a promoción nacional e internacional, o fomento da produción e consumo de cultura, a restauración e posta en valor dos Camiños e a atención ao peregrino a través da rede de albergues".

Dentro dos "evidentes resultados positivos do seu labor ao longo de vinte anos", Varela subliñou "a promoción de Galicia alén das nosas fronteiras" como "a gran razón de ser do Xacobeo". "O éxito nese eido ten posibilitado que o número de peregrinos que nos visitan se teña multiplicado por 38 en apenas dúas décadas", indicou. O conselleiro afirmou ademais que, grazas ao pulo do Xacobeo, "o Camiño de Santiago se ten convertido nun fenómeno universal e na mellor carta de presentación da nosa terra perante o mundo". Neste sentido, Roberto Varela manifestou que o Xacobeo é "un dos activos turísticos e culturais máis importantes dos que dispoñemos" e amosou o compromiso do Goberno Autonómico co Camiño de Santiago e co fenómeno xacobeo. "Hoxe e sempre seguirá a ser unha prioridade para a Xunta de Galicia", dixo.

20 anos de Xacobeo
A mostra é un resumo que integra todos os aspectos relacionados co coidado e promoción dos camiños de Santiago nos que a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, empresa pública dependente da Xunta de Galicia, vén traballando desde a súa creación no ano 1991, con motivo da celebración do Ano Santo 1993. Entre os seus obxectivos destacan a dotación de servizos para o Camiño, a rede de albergues públicos e a recuperación patrimonial das rutas e elementos arquitectónicos e artísticos.

O obxectivo deste proxecto expositivo é amosar o papel da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo na posta en valor e na dinamización das diferentes rutas e da cultura xacobea, así como a súa influencia na mellora económica e social nas localidades polas que transcorren os camiños que levan a Santiago. O contido da exposición que conmemora os vinte anos de historia do Xacobeo estruturase en diferentes apartados a través dos que os visitantes poderán percorrer vinte anos de historia.