4/out/2011

Universidades americanas reuniranse o próximo ano en Santiago para estudar o Camiño de Santiago

A cidade norteamericana de Washington acolleu esta fin de semana a reunión científica ‘Workshop on Pilgrimate Studies’, un encontro que contou coa presenza de representantes de corenta universidades de Estados Unidos e Canadá e no que se abordou o fenómeno das peregrinacións e o Camiño de Santiago.

Unha das principais conclusións desta cita foi o acordo para que a cidade de Santiago de Compostela acolla entre os meses de maio e xuño de 2012 un seminario de investigación sobre as rutas xacobeas no que participarán alumnos dun consorcio de universidades de Estados Unidos e Canadá.

No ‘Workshop on Pilgrimate Studies’ participaron máis de 40 centros universitarios de Estados Unidos e Canadá, algúns deles considerados entre os cen mellores do mundo, como a Universidade de California-Los Ángeles, Purdue University, Universidade de Michigan, Universidade de Florida, Washington University of Saint Louis, Universidade de Minnesota ou a Fordham University. Estes centros forman parte dun consorcio de universidades que están a desenvolver un plan de estudos sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións en xeral, dotando de rango curricular ás investigacións e experiencias sobre a Ruta Xacobea en diferentes campos, tales como relixión, estudos hispánicos, a antropoloxía, historia da arte, historia medieval ou socioloxía.

No marco deste encontro, presentouse e proxectouse aos asistentes e á prensa de Washington a película The Way, rodada no Camiño de Santiago coa colaboración da Xunta de Galicia e que durante estes días estase a estrear nos Estados Unidos. Á presentación acudiron o director Emilio Estévez e o protagonista, seu pai, Martin Sheen, ambos os dous de orixe galega. Neste acto estiveron presentes numerosos membros da asociación de amigos do Camiño de Santiago, a American Pilgrim on the Camino, así como numerosos medios de comunicación de Washington.