16/Sep/2011

A Consellería de Cultura destina 187.000 euros a melloras no Camiño do Norte ao seu paso por Lourenzá

A directora xerente do Xacobeo, Camino Triguero Salas, na compaña do alcalde do Concello de Lourenzá, Vidal Martínez-Sierra López, comprobou os traballos de recuperación da ruta en dous puntos.

Cun investimento de 187.000 euros, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, está a recuperar e mellorar o trazado de dous tramos do Camiño do Norte no concello lucense de Lourenzá. As obras considéranse urxentes, debido ao mal estado da ruta nestes puntos, ambos os dous caracterizados por fortes pendentes, o que agrava os efectos da acción meteorolóxica continuada, especialmente das choivas, segundo destacou hoxe en Lourenzá a directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero.

Un dos trazados que se están a recuperar, cun orzamento de 85.000 euros, está no lugar de San Xusto de Cabarcos e ten unha lonxitude de douscentos cincuenta metros. O segundo, na variante do Camiño do Norte que chega á capitalidade municipal de Vilanova de Lourenzá a través do concello de Trabada, limítrofe con Asturias, ten un custe de 102.000 euros. Sitúase na zona de San Lourenzo e abrangue seiscentos metros de ruta.