21/Apr/2010

A Vieira

A vieira é a insignia do peregrino e tamén da gastronomía galega. A Pecten maximus é un molusco bivalvo típico do mar de Galicia cuxa cuncha era prendida antigamente na roupa do peregrino para autenticar ao seu regreso que concluíra o Camiño.

Existe ademais unha lenda xacobea segundo a cal un mozo que cabalgaba pola praia coa súa esposa no día da súa voda, saíu en axuda duns navegantes a piques de naufragar pola forte ondada. Aquela embarcación transportaba os restos de Santiago. O mozo internouse nas augas sen desmontar do seu cabalo e unha xigantesca onda arrastrouno cara ás profundidades. O xinete invocou entón aos ceos e inmediatamente sentiu unha forza sobrenatural que o arrastrou cara á beira. Cabalo e xinete pisaron terra firme xusto no intre no que a barca que transportaba os restos do Apóstolo acadaba a beira. O mozo e a súa cabalgadura estaban completamente cubertos de cunchas de vieira. A súa salvación considerouse un milagre debido á intercesión do corpo de Santiago.

Pero ademais de ser símbolo xacobeo, a vieira galega goza dun gran prestixio como manxar. A Pecten maximus é un molusco bivalvo emparentado coas ameixas e as ostras que pode chegar ao medio quilo de peso e ter unha cuncha de máis de 15 centímetros. Trátase dun animal hermafrodita do que comemos o seu potente músculo abdutor (o cilindro branco central) e as gónadas, de cor alaranxada, cuxa base abrancazada é a glándula masculina e a parte vermella da punta é a feminina. A vieira é rica en calcio, ferro, fósforo e potasio.

Aínda que se pode preparar de moitos formas, hai unha receita tradicional galega para este molusco que fará as delicias de calquera peregrino: as vieiras gratinadas ao viño albariño. Prepáranse en catro sinxelos pasos:

  1. Limpar as vieiras deixando a carne e o coral dentro da cuncha.
  2. Refogar cebola pelada e picada finamente xunto co aceite e o xamón.
  3. Cando tome cor, agregar o pemento. Deixar rehogar de novo e engadir o viño. Reducir ata a metade e retirar do lume.
  4. Sazonar as vieiras e cubriras coa cebola e o xamón. Finalmente, espolvorear o pan relado e gratinar ata que a vieira estea cociñada.

Ingredientes para catro persoas

  • 8 vieiras
  • 3 cebolas
  • 60 gramos de xamón serrano
  • ½ cuchariña de pemento doce
  • 250 ml de viño albariño
  • an relado
  • sal
  • 1 chorriño de aceite de oliva virxe

Que aproveite.