21/Apr/2010

¿Cales son as túas motivacións para facer o Camiño?

Queremos saber cales son as túas motivacións para facer o Camiño. Queremos coñecer as causas que impulsan a un a coller unha mochila nas súas vacacións e percorrer longas etapas que finalizan en modestos albergues, ás veces calados ata os ósos pola chuvia, outras deshidratados pola calor, cos pés cheos de bochas e, por veces, con algunha lesión física.

Segundo datos recollidos pola Oficina do Peregrino, a motivación relixiosa segue sendo a máis importante. Basta con botar unha ollada ás estatísticas de 2008. Dos 125.141 peregrinos que pasaron o ano pasado por esta oficina, 50.732 manifestaron percorrer o Camiño exclusivamente por motivos relixiosos; 63.598 fixérono por motivacións relixiosas e outras; e 10.811 peregrinaron a Santiago de Compostela por causas non relixiosas.

Pero dentro destas tres categorías agóchanse seguramente tantas motivacións como peregrinos. Motivacións persoais que poden ir desde unha promesa ou un sentimento relixioso, ata un reto persoal ou unha causa solidaria.

Propómosvos que compartades aquí, cos vosos comentarios, os motivos que vos apuxan ao Camiño de Santiago. Se cadra sexan algúns destes:

  • Busca interior, espiritualidade
  • Crenzas relixiosas
  • Unha promesa
  • Cultura e arte no Camiño
  • Natureza no Camiño
  • Aventura
  • Deporte
  • Vacacións e turismo
  • Reto persoal
  • Causa solidaria
  • Meditación
  • Para reorientar a miña vida
  • Para procurar respostas

¿E ti por que fas o Camiño?