21/Apr/2010

Os cinco “Fitos do Camiño” en Galicia

O núcleo de O Cebreiro, o Mosteiro de Samos, a Igrexa de Vilar de Donas en Palas de Rei, a Igrexa de Santa María de Leboreiro en Melide e a Catedral de Santiago de Compostela son os monumentos que achega Galicia ao programa “Fitos do Camiño ”. Os tres primeiros sitúanse na provincia de Lugo e os outros dous están na da Coruña.

Estes monumentos do patrimonio galego súmanse a outros 21 “Fitos do Camiño” das restantes comunidades autónomas polas que transcorre a Ruta Francesa: catro de Aragón, nove de Castela e León, cinco de Navarra e tres da Rioxa.

Do que se trata é de presentar aos peregrinos unha serie de monumentos xacobeos representativos de cada zona. A carón de cada monumento veredes un tótem sinalizador para que podades identificalo como parte do grupo de “Fitos do Camiño Francés”. Este elemento estará construído por unha sucesión de platinas de aceiro que amosan o desenvolvemento do Camiño Francés.

¿Que ofrecerán os “Fitos do Camiño ”galegos no Xacobeo 2010?
O Cebreiro foi recentemente rehabilitado e abrirá o museo das pallozas para o Xacobeo 2010. Trátase da porta de entrada a Galicia polo Camiño Francés, situado nun contorno paradisiaco, entre as serras dos Ancares e O Courel.

O Mosteiro de Samos acollerá exposicións e concertos durante todo o Ano Xacobeo. Este mosteiro beneditino foi fundado no século VI e conta cunha pousada para os peregrinos.

A Igrexa de Vilar de Donas ten prevista unha actuación sobre as pinturas murais que contén para promover visitas. Este templo románico foi construído no século XII e albergou aos Cabaleiros da Orde Militar de Santiago.

A Igrexa de Santa María de Leboreiro ofrecerá visitas guiadas. É unha construción de finais do século XII dunha soa nave e ábsida circular.

E a Catedral de Santiago, ou o que é o mesmo: a orixe.

Xa sabedes: na vosa ruta por Galicia tedes estas cinco paradas obrigadas.