10/out/2014

A exposición ‘Peregrinatio. O camiño de San Francisco a Santiago’ inicia en Viveiro unha itinerancia por Galicia

A sala de exposicións do Conservatorio de Viveiro acollerá ata o día 17 de outubro a exposición audiovisual ‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago’ que se poderá ver de luns a venres en horario de 10.00 horas a 13.30 horas e de 16.00 horas a 18.00 horas.

Trátase dunha exposición itinerante organizada por Turismo de Galicia con motivo da celebración do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Santiago de Compostela que tamén visitará as vilas de Ribadeo (19-29 de outubro), Mondoñedo (1-8 de novembro), Muros (9-19 de novembro), Ponteareas (20-29 de novembro), Ribadavia (30 de novembro-10 de decembro) e Monforte de Lemos (11-21 de decembro). A mostra completarase cun concerto do guitarrista Samuel Diz.

Esta exposición audiovisual é froito da recente viaxe realizada polo fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandre González a través de Italia, Francia, o norte de España e a Galicia xacobea, seguindo a mesma ruta que san Francisco percorreu en 1214 desde Asís a Compostela.