10/abr/2015

Turismo de Galicia convoca os Premios Camiño de Santiago para o ano 2015

Trátase dun recoñecemento institucional e social ás iniciativas públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago, así como aquelas outras que supoñan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos e as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, difusión e a posta en valor do Camiño de Santiago e da cultura xacobea.

Os principais obxectivos destes premios son avanzar na mellora do Camiño de Santiago especialmente en relación cos seus itinerarios e contornos ambientais, paisaxísticos e arquitectónicos e a súa protección xeral e posta en valor; aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago, estimular o coñecemento do patrimonio xeral do Camiño e fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas Administracións públicas.

O prazo de presentación das candidaturas será dun mes a partir do día 10 de abril, día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.