25/Sep/2015

O Consello da Xunta aprobou o Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021

O Consello da Xunta aprobou o Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021, un dos documentos clave no eido do desenvolvemento turístico de Galicia. Con este plan avánzase no proceso de ordenación, regulación e posta en valor dun dos maiores símbolos de Galicia, as rutas xacobeas, tendo sempre como horizonte o Ano Santo 2021.

Para a elaboración deste documento que aprobou hoxe o Consello da Xunta contouse coas achegas do sector. Concretamente, concertáronse entrevistas con 170 organizacións e 220 persoas, representantes de Administracións Públicas, de asociacións de Amigos do Camiño, da Igrexa, turoperadores, hostaleiros e grupos de investigación sobre a cultura xacobea, entre outros.

Oito liñas estratéxicas
o Plan Director establece oito liñas estratéxicas con cadansúas medidas prioritarias:

• Coordinar e organizar todas as Administracións e colectivos implicados, intensificando a cooperación e fortalecendo a colaboración con axentes como a Igrexa ou as Asociacións de Amigos do Camiño.
• Preservar e potenciar o patrimonio do Camiño, facendo especial fincapé en impulsar a delimitación das diferentes rutas e os mecanismos de protección e posta en valor do patrimonio.
• Conservar e manter o Camiño, facéndoo accesible ás persoas con discapacidades.
• Evolucionar cara a un Camiño medioambientalmente sostible.
• Fortalecer Santiago de Compostela como meta do camiño, con medidas como o Centro de Acollida ao Peregrino que a Xunta está a impulsar.
• Potenciar os diferentes Camiños de Santiago, os seus valores e singularidades, especialmente tralo nomeamento como Patrimonio da Humanidade dos Camiños Primitivo e do Norte.
• Garantir a calidade e a especialización na atención ao peregrino, mellorando os albergues e centros de interpretación do Camiño á par que se potencian os servizos de seguridade e emerxencias.
• Fomentar a investigación, a comunicación e a divulgación do Camiño e a cultura xacobea, ademais de dar un pulo ao Smart Camiño.

Ademais, o Plan Director deseña unha etapa modelo de 21 quilómetros, que reflicte como se visualiza o Camiño de cara ao Ano Santo. Así, por exemplo, nesta etapa os albergues contarían coa Q de Calidade e rede de wifi nos establecementos públicos, ademais de persoal cualificado que acade a excelencia no trato ao peregrino e dos que o 80%, alomenos, fale inglés.