3/set/2015

A Xunta de Galicia e as prefecturas xaponesas do Camiño de Shikoku Henro asinaron un protocolo de colaboración

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e representantes das prefeituras xaponesas polas que pasa o Camiño Shikoku Henro -- Tokushima, Kochi, Ehime e Kagawa--, asinaron un protocolo de colaboración en torno a esta ruta de peregrinación e ao Camiño de Santiago.

O acordo permitirá reforzar a alianza turística entre Galicia e Xapón, xa que se une a outras accións conxuntas levadas a cabo neste eido ao longo das últimas décadas, entre as que destaca o irmandamento existente entre o Camiño de Santiago e o Camiño Kumano Kodo desde 1998 e que se viron reforzadas pola visita a Galicia do Príncipe Naruhito en 2013, así como pola viaxe realizada polo presidente da Xunta a Xapón o pasado exercicio. Cara ao futuro, a partir de agora e baseándose no protocolo desbloqueado hoxe no Pazo de Raxoi, a Xunta tamén levará a cabo actividades de difusión e promoción conxunta co Camiño Shikoku, outra das rutas de peregrinación máis importantes do país nipón.

O acordo asinado entre as institucións galega e nipoas pretende unir os territorios de Galicia e a illa de Shikoku a través do fenómeno da peregrinación, mediante a promoción de actividades de difusión sobre ambos os dous Camiños que potencie as súas respectivas ofertas turísticas no ámbito cultural; xerar fluxos turísticos entre Xapón e Galicia mediante novas actuacións; así como organizar periodicamente encontros de carácter cultural e científico que contribúan a afondar no mutuo coñecemento e na conservación e transmisión de ambas as rutas de peregrinación de milenaria tradición.

O Shikoku Henro é un viaxe de peregrinación polos 88 templos de Shikoku. A distancia total do percorrido por estes lugares sagrados, asociados co gran monxe Kobo Daishi Kukai, é de máis de 1.400 quilómetros. Conta a historia que hai 1.200 anos Kobo Daishi Kukai fixo esta peregrinación para a súa formación persoal. A peregrinación fíxose moi popular durante os comezos do período Edo. Na actualidade participan cada ano unhas 150.000 persoas. Entre os peregrinos hai turistas chegados de todas as partes do mundo, que fan o percorrido por diversas razóns.