Coñece todos os detalles
Programa Completo:
-
Día 3
MONTEDERRAMO E CASTRO CALDELAS (domingo)Tras o almorzo, propoñémosvos efectuar a seguinte ruta en coche: a uns 45 minutos do aloxamento, e pasando por Parada de Sil, chegaredes a Montederramo. Alí, recomendámosvos visitar o mosteiro cisterciense de Santa María, orixinal do s. XII e que sufriu varias reformas; hoxe conxuga estilo renacentista e barroco. Destacan os seus claustros, a espectacular escalinata de baixada á igrexa e a sancristía. Nun documento do ano 1124, a raíña Dona Tareixa de Portugal mándao fundar e fai por primeira vez alusión escrita o nome Rivoyra Sacrata. Na oficina de turismo ofrecen visitas guiadas. Continuade a Castro Caldelas, vila de rúas empedradas e casiñas con galerías, famosa —ademais de pola bica (sobremesa típica da zona)— polo seu castelo-fortaleza, do s. XII, e polo Santuario dos Remedios. O paseo polo interior das murallas da fortaleza é moi interesante. Han sorprendervos un pétreo e tallado reloxo de sol e as torres da homenaxe, perfectamente conservadas.Podedes continuar co descubrimento da Ribeira Sacra Lucense cruzando por Doade, na provincia de Lugo, ou continuar cara ás Terras de Trives e penetrar na Galicia máis auténtica e tradicional. Para ambas as rutas existen paquetes turísticos.
-
Día 2
CRUCEIRO E RUTA DE SAN PEDRO DE ROCAS ATA O CASTELO DE MACEDA (sábado)Almorzo. Pola mañá, desde o embarcadoiro de Santo Estevo tedes incluída unha agradable excursión (1h e ½) a bordo dun catamarán de luxo (ata 11 prazas). Nesta viaxe gozaredes dun contacto máis natural co río Sil e mesmo poderedes darvos un baño na época estival; ademais, dende alá abaixo teredes outra panorámica diferente dos canóns e mosteiros que onte visitastes desde o alto. De regreso, temos previsto facer unha parada na Ribeira Lucense, no embarcadoiro de Chancís, e se queredes quedar a comer na súa terraza, lembrádevos de reservar con tempo e de avisar para que vos crucen á outra beira con tempo suficiente para a visita da tarde: “Ribeira Sacra II”. Calculade uns 30 minutos desde o embarcadoiro de Santo Estevo ata Esgos.Pola tarde en Esgos, no Mosteiro de San Pedro de Rocas, comeza a visita (regular) con guía oficial ás 16.30h. Este Mosteiro, situado nun enclave de frondosos bosques, é un dos máis antigos de Galicia. Destacan as súas tres capelas escavadas na mesma rocha, o seu campanario, as sepulturas antropomórficas e o mapamundi pintado sobre as pedras. A continuación, visitaremos o Mosteiro de Santa María, en Xunqueira de Espadanedo, que hoxe é a sede do concello. Neste pequeno mosteiro resaltan as trabes policromadas con figuras animais e humanas. De camiño habémonos deter a ver como traballan os fornos dos oleiros de Niñodaguía, onde se fabrican con arxila de cor amarela pezas moi prácticas para a cociña (cuncas, pratos, bandexas..) e, se cadra, poderedes mercar algunha delas e levar un útil recordo. Finalmente, visitaremos o Castelo de Maceda, da época medieval, moi ben conservado. Nel viviu Afonso X O Sabio ata a idade de 11 anos. O castelo dispón de restaurante onde recomendamos reservar para cear.Fin da visita e regreso ao aloxamento.
-
Día 1
SAN ESTEVO E SANTA CRISTINA DE RIBAS DE SIL (venres)
Comezaremos a fin de semana cunha visita guiada (regular) de 4 horas de duración: “Ribeira Sacra I”, con saída ás 16.30h. do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas De Sil, convertido en Parador de Turismo e que pode ser o voso aloxamento seleccionado esta fin de semana. Se chegades a tempo, o seu restaurante ha ofrecervos boa mesa e descanso no frescor dos seus claustros.
A visita comeza no mesmo Mosteiro de Santo Estevo, que pola súa rehabilitación e grandeza é un dos máis esplendorosos da Ribeira Sacra. Continuaremos ata Santa Cristina de Ribas de Sil, envolta na natureza, de estilo románico e renacentista, e gozaremos das espectaculares vistas desde algún dos miradoiros que dan ao canón do río Sil. Penetramos noutro canón no río Mao, afluente do Sil, onde a través das pasarelas de madeira, literalmente colgadas da montaña, pasearemos entre as copas das árbores ata Barxacova. A camiñada é duns 30 minutos.
Fin da visita e traslado ao aloxamento seleccionado. Posibilidade de efectuar a cea no mesmo aloxamento.