Os albergues ofrecen wifi gratuíto para os peregrinos
Utilidades e servizos tecnolóxicos
Rede wifi
Os puntos de acceso wifi son moi demandados na actualidade, polo que nos albergues é gratuíto para os peregrinos, conseguindo deste xeito que lles sexa máis sinxelo solicitar información importante para a súa viaxe, como a meteorolóxica, os recursos dispoñibles ao seu alcance, o seu percorrido..., ou compartir a súa experiencia e manterse en contacto con familia e amigos.
Por isto tamén se ofrece un directorio dos puntos de acceso wifi presentes ao longo do Camiño: cafeterías, restaurantes, aloxamentos...
A cobertura 3G/4G ao longo dos distintos tramos facilita a comunicación e ofrece posibilidades maiores á hora de contar e transmitir a experiencia que supón a ruta xacobea.
Dispositivos móbiles
Hoxe en día case ninguén se lanzaría á aventura sen o seu teléfono móbil, xa sexa como medio de comunicación, como dispositivo no que poder capturar os momentos máis memorables da viaxe, como guía informática ou como GPS; pero ao mesmo tempo esta cantidade de aplicacións lévanos á súa maior limitación durante unha viaxe: a batería.
Para tentar que isto non supoña un gran problema, durante o Camiño ofrécense unha serie de consellos para aforrar batería, e ademais márcanse puntos nos que os peregrinos poden recargala, como albergues ou cafeterías.
Aplicacións móbiles recomendables
Suxeriranse aos peregrinos diferentes utilidades e servizos así como apps de terceiros que lles ofrezan información: albergues, outros lugares de aloxamento, como casas rurais, puntos de interese ou establecementos nos que poder gozar da gastronomía local para facilitar a súa viaxe a través do Camiño.
Tamén teñen á súa disposición outra serie de aplicacións de uso máis xeral, non tan relacionado co Camiño, pero que recollen outras informacións de interese: eventos culturais que se celebren en Galicia, información meteorolóxica, guía sobre parques naturais, información sobre outras rutas, como as do viño, e moitas outras.
Redes sociais e o Camiño
As redes sociais son o medio por excelencia a través do que contar e compartir a experiencia do Camiño de Santiago.
Por isto ofrécese a posibilidade de manter as contas de redes sociais a través da app do Camiño e do portal Smart Camiño, para que sexa máis fácil xestionalas e publicar.
O contacto con outros peregrinos que estean a facer o Camiño ofrece a posibilidade de atopar compañeiros de viaxe durante calquera momento ao longo da ruta que nos leva a Santiago.
A comunidade dixital do Camiño presenta tamén a integración con redes sociais, na que ademais podemos participar en foros sobre o mesmo, xa sexa para compartir a nosa experiencia ou pedir consello aos "Embaixadores do Camiño" (comunidade de expertos) se decidimos peregrinar por primeira vez.
Portal Camiño de Santiago
O novo portal ofrécenos diferentes servizos para axudarnos á hora de realizar o Camiño, xa sexa a primeira vez que nos aventuramos a facelo ou se simplemente queremos repetir outra vez a experiencia.
Conta con 5 seccións que nos irán introducindo aos poucos no Camiño.
"Descubre" é a parte do portal motivadora, aquela que nos convida a soñar, a pensar en peregrinar. Nela preséntasenos o Camiño desde as súas orixes, e vainos conquistando cos testemuños doutras persoas que xa o culminaron, animándonos a facelo con total tranquilidade e en compañía da rede global da ruta xacobea.
"Prepárate" preséntase como unha guía de recomendacións e consellos que fan referencia á preparación persoal, material e tecnolóxica necesaria para peregrinar.
Á hora de planificar a nosa ruta, en "Planifica" podemos elixir entre os diferentes percorridos que se nos ofrecen por defecto, ou ser máis atrevidos e lanzarnos a configurar o noso propio camiño personalizado, onde podemos elixir as etapas que vaiamos realizar, así como consultar información xeral sobre os diferentes tramos e lugares de interese da ruta.
"Durante o Camiño" móstranos as rutas que debemos seguir e o seu trazado, segundo a planificación que deseñamos, estimando a duración e distancia a percorrer; así mesmo, axúdanos con consellos e recomendacións ao comezo de cada etapa, dependendo da forma na que emprendésemos a ruta, e inclúe información meteorolóxica e, proximamente, a ocupación dos albergues en tempo real.
Ademais pódense consultar puntos de aloxamento, restaurantes e cafeterías, puntos de información, lugares de interese, servizos turísticos e transporte.
Por último, "Punto e seguido" dános a escoller entre as diferentes opcións que ofrece Santiago, xa terminado o Camiño: gozar da súa gastronomía, visitar os lugares máis emblemáticos da cidade para relaxarnos despois da nosa aventura...