Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla

Etapa: Arousa Sur

  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 00min

Sanxenxo

  • Dificultade Media-Baixa
  • Duración estimada 10min

Sanxenxo é o municipio emblemático de Galicia en turismo de sol e praia. Os seus 36 km de costa contan cunha vintena de areais, máis da metade con Bandeira Azul, polo que este concello se sitúa á cabeza de España neste tipo de distincións.

A praia de Silgar é a máis populosa, e o núcleo do veraneo de miles de galegos e foráneos. No outro extremo de Sanxenxo atópase A Lanzada, unha praia emblemática de 2,8 km de extensión cuxa maior parte pertence ao municipio veciño do Grove.

Ao comezo deste areal, na zona de Sanxenxo, A Lanzada posúe un valioso conxunto histórico tardorromano e medieval formado por unha necrópole romana —escavada en 2010— e os restos do castelo da Lanzada, primeira defensa marítima da Compostela dos séculos XI e XII, da que quedan restos dunha torre e a capela románica.

Este municipio é tamén coñecido pola gastronomía do mar, polos delicados viños albariños (Denominación de Orixe Rías Baixas), coma os de Padriñán, e polas noites de verán de Silgar e Portonovo.

Meaño

  • Dificultade Media-Baixa
  • Duración estimada 10min

Se Sanxenxo representa o potencial e a beleza do litoral atlántico, Meaño regálanos, como unha prolongación relaxada terra dentro, a súa paisaxe rural de fértiles cultivos, entre os que destaca a uva do viño albariño, e a súa riqueza en pedra granítica.

Cunha poboación duns 6.000 habitantes, Meaño exhibe a súa fermosa etnografía e a súa arquitectura civil en cruceiros, hórreos —coma o de Simes, en forma de L—, muíños de auga —máis de 70 en todo o territorio—, ou pazos coma o dos Zárate ou Lis, ademais do románico dos seus templos, entre os que figura a igrexa de Simes.

Xunto a estas mostras artísticas, os viñedos despregados polas súas ladeiras chegan a ser tamén verdadeiras obras de arte; son os famosos albariños, da Denominación de Orixe Rías Baixas, que personalizan toda esta comarca do Salnés. Trátase de viños brancos aromáticos, afroitados e novos que obtiveron prestixio mundial.

Meaño é un municipio tranquilo. A súa selecta oferta de turismo rural complementa o bulicio multicolor procedente da costa próxima. A Ruta dos Muíños lévanos de sendeirismo polos muíños de auga, e cada xullo este municipio exalta os seus viños albariños no Encontro de Viños de Autor. En toda a comarca do Salnés trazáronse varias rutas do viño.