Etapa Fisterra - Lires
Camiño de Fisterra e Muxía
Etapa: Fisterra - Lires
O Camiño parte de Fisterra cara a San Martiño de Duio, e avanza entre pequenas aldeas con singulares mostras de arquitectura rural e relixiosa de estilo románico.
Fisterra- Castrexe
A saída da vila de Fisterra pode volverse confusa para os camiñantes pola cantidade de frechas amarelas que sinalan en sentidos opostos para os que van a Muxía e os que chegan de alí, e por iso deben recorrer frecuentemente a outro tipo de indicacións.
Debemos alcanzar a praia da Langosteira e, na Cruz de Baixar, coller dirección á parroquia de San Martiño de Duio, templo que quizais remita á desaparecida cidade romana Dugium, citada no Libro III do Códice Calixtino.
O Camiño avanza, co mar omnipresente, entre aldeas, bosques e cultivos de millo. Pasamos polas inmediacións da praia do Rostro, que aparece entre piñeirais.
Fisterra - Castrexe
Castrexe (Praia do Rostro)- Lires
A ruta segue por pequenas e tranquilas estradas ata chegar ao areal da praia do Rostro, percorre o paseo desta e ascende ata o núcleo rural de Padrís, para logo entrar no bosque en dirección a Lires, a fin da etapa.
A ría de Lires conta cunha importante riqueza ornitolóxica e notables mostras de arquitectura popular e relixiosa, como as igrexas de orixe románica de Santa Locacia de Frixe e Santa María de Morquintián.