Axenda de Eventos

Camiño de Santiago
Simposio Internacional “Imaging Pilgrimage to Santiago: Itineraries, Narratives and Myths”
Do 23 ao 25 abril | Institute of Fine Arts Nova York
Comeza:
23 abril | 01:00
Remata:
25 abril | 01:00
Onde:
Institute of Fine Arts Nova York

Como resultado do convenio asinado entre a Xunta de Galicia e o Institute of Fine Arts de Nova York no mes de febreiro de 2019, o Xacobeo 2021 coordinará, canda esta prestixiosa institución académica adscrita á New York University, o primeiro simposio internacional sobre as peregrinacións a Santiago de Compostela.

O obxectivo deste simposio internacional é chamar a atención sobre o lugar preeminente que o Camiño de Santiago ocupou nas mentes e os corazóns dos homes e as mulleres medievais ao longo de toda Europa. Como poucos lugares na Idade Media, a construción do Camiño de Santiago mesturou realia e imaxinaria.

Este encontro analizará todos os elementos do Camiño “imaxinado” conxuntamente. Aínda que algúns aspectos foron xa estudados, nunca antes se puxo o acento nas maneiras polas que o Camiño foi permeable á creación de pensamentos e ideas, soños e historias, relatos de viaxes, romances e cantares épicos.

Coordinado polos docentes e investigadores universitarios Robert A. Maxwell e Manuel A. Castiñeiras, o IFA reunirá durante tres días a dezaseis expertos de recoñecida traxectoria académica, procedentes de Alemaña, Canadá, España, Francia, Reino Unido e Estados Unidos. A través do intercambio de ideas e do debate interdisciplinar ampliarase a visión sobre a construción da imaxe e a imaxinación do Camiño a Santiago.

The Institute of Fine Arts (IFA), da New York University, é un importante centro de investigación avanzada e ensino de posgrao en Historia da Arte, Arqueoloxía e mais Conservación da arte. Ofrece masters (MA) e programas de doutoramento (PhD) nas dúas primeras materias citadas e posgraos na terceira. O Instituto formou os principais historiadores da arte, directores de museos, comisarios e conservadores especialistas do mundo. A oferta académica do IFA figura entre os mellores programas de posgrao en Historia da arte, uníndose ao grupo de elite das mellores universidades da costa leste dos Estados Unidos, formado por Harvard, Yale e Columbia.

Lugar: Institute of Fine Arts. Nova York
Data: do 23 ao 25 de abril de 2020
Organiza: Xacobeo 2021. Consellería de Cultura e Turismo. Xunta de Galicia
Colabora: Institute of Fine Arts. New York University

Tipo de evento: Camiño de Santiago