Axenda de Eventos

Xornada/Congreso
O nunca visto
Do 20 maio ao 23 decembro | Fundación Luís Seoane A Coruña
Comeza:
20 maio | 19:30
Remata:
23 decembro | 19:30
Onde:
Fundación Luís Seoane A Coruña

O nunca visto é unha iniciativa da Fundación Luis Seoane en colaboración con A Colectiva. Asociación Profesional de Artistas de Galicia, cuxo obxectivo é dar a coñecer proxectos que non acadaron unha forma definitiva, ou que non se puideron expoñer ou executar ata agora; unha oportunidade de afondar nos procesos que acompañan a creación axudando a construír o seu corpus formal e conceptual.

Falamos habitualmente do que se ve, dos traballos que se difundiron, que se levaron a cabo ou se materializaron desde diversas perspectivas e que remataron por formar parte do tecido colectivo. Mais tamén é preciso dar cabida a un patrimonio menos coñecido pero igualmente determinante: as pezas que, por diferentes motivos, quedaron sen concluír. Estes proxectos engrosan e acompañan a traxectoria artística axudando a construír un relato persoal e profesional. Por iso, é necesario achegarse a ese fóra de plano para dotar dun novo significado todas as fases do proceso, facendo público o que non se ve e revelándoo como un dos elos que compoñen o exercicio artístico. A través desta iniciativa, preténdese darlle visibilidade ao tecido profesional da creación alén das fórmulas habituais: as exposicións de obra rematada, a difusión en redes etc. Os proxectos serán presentados ao longo do ano, cun formato similar ao dunha conferencia, coincidindo cos meses de maior actividade na fundación.

Como complemento ás charlas presenciais, a coordinadora do proxecto, Sara Donoso, realizaralles unha serie de entrevistas aos/ás artistas ás que se poderá acceder posteriormente a través desta mesma páxina.

O nunca visto contará coas intervencións de:

- Mónica Mura. Artista interdisciplinar, performer e activista

- Sabela Eiriz. Artista visual, escritora, fotógrafa e creadora audiovisual

- Enrique Lista. Artista e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo

- Eugenia Cuéllar. Artista

- Alberto Ardid. Artista plástico e visual

- Iria Vázquez. Artista multidisciplinar, investigadora e docente. Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo

Tipo de evento: Xornada/Congreso  |  Conferencia/Mesa redonda