Axenda de Eventos

Xornada/Congreso
Falamos
Do 8 febreiro ao 26 maio | Evento online Santiago de Compostela
Comeza:
8 febreiro | 20:00
Remata:
26 maio | 20:00
Onde:
Evento online Santiago de Compostela

Promover o uso do galego como lingua de socialización entre a comunidade universitaria é o obxectivo de Falamos, un programa impulsado pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, que propón ao alumnado novas actividades para os próximos meses, como un ciclo de conversas virtuais sobre diferentes temáticas e encontros na rede social Instagram. Estas dúas propostas súmanse, no programa articulado para o segundo cuadrimestre, ás novas edicións do voluntariado lingüístico, o club de lectura e o cinefórum. Por mor da situación sanitaria, todas as actividades levaranse a cabo de xeito virtual, coa excepción das novas proxeccións do cinefórum, previstas para o mes de maio.

A inscrición, tanto no programa, como nas súas diferentes actividades, que se realizará nos últimos días do mes previo ao seu desenvolvemento, pode realizarse en snl.pontevedra.gal

Conversas e encontros na rede

As conversas e os encontros no Instagram son as dúas novidades que o programa incorpora para estes meses. As primeiras preséntanse como “espazos para participar en grupo falando sobre temas de interese para a comunidade de Falamos”, que se desenvolverán unha vez ao mes, polo de agora de xeito virtual. A primeira cita terá lugar o 23 de febreiro, baixo o título de E ti como ves a cuestión da lingua en Galicia? e será moderada por Ramallo. O 17 de marzo, a axente musical Patricia Hermida conducirá un coloquio titulado Pódese vivir da creatividade? Imaxina a túa carreira profesional; mentres que o 15 de abril Alberto Oubiña, presentará Galiza 2050, cara onde imos?, e o 27 de abril a creadora de videoxogos Dháunae de Vir moderará unha conversa titulada Pódese traballar en Galicia? Traballar aquí ou saír fóra.

Por outra banda, os Encontros no Instagram estarán dirixidos a “incentivar que a mocidade use a lingua nas redes sociais”, destacan desde a organización. Estes encontros virtuais con “persoas de referencia para a mocidade universitaria” levaranse a cabo no mes de marzo e os inscritos e inscritas poden xa presentar as súas propostas para a esta actividade.

Voluntariado, lectura e cinefórum

Nestes meses poranse en marcha de novo tres actividades xa desenvolvidas na primeira etapa do programa, como o voluntariado lingüístico, unha iniciativa que “permite coñecer xente e mellorar os usos orais da lingua”, destaca a organización. Para iso, fórmanse parellas que reúnen a un inscrito ou inscrita que fala galego con fluidez cun “aprendente” que desexe mellorar o seu dominio do idioma. No primeiro caso, a actividade está aberta a alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos do campus, mentres que o segundo pode resultar tamén de interese tanto a estudantes que poidan considerarse “neofalantes potenciais” como a alumnado chegado de fóra de Galicia, á vez que está aberto tamén a persoas alleas á comunidade universitaria. O prazo de inscrición nesta iniciativa permanecerá aberto ata o 22 de febreiro, cando terá lugar unha sesión de presentación en liña da actividade, na que se lles propón que se reúnan unha vez por semana para falar, en galego, das cuestións que lles interesen.

Tamén continuará desenvolvéndose, de xeito virtual, o club de lectura, “un espazo para comentar e debater en galego lecturas de textos literarios escritos ou traducidos ao galego”. Retomará a súa actividade o 8 de febreiro cunha presentación, na que os participantes escollerán os libros que centrarán as sesións de abril e maio, mentres que o coloquio programado para o 1 de marzo virará arredor da novela Senlleiras, de Antía Yañez.

A única actividade que non pode levarse a cabo de xeito virtual é o cinefórum, e por iso as súas tres novas sesión foron programadas para maio. Organizado coa colaboración do Cineclube Pontevedra, programáronse, para os días 13, 19 e 26 dese mes, as proxeccións dos filmes Dorothé na vila, de Olaia Tubío e Alejandro Gándea; As nosas derrotas, de Gabriel Périot; e Vikingland, de Xurxo Chirro.

Tipo de evento: Xornada/Congreso  |  Conferencia/Mesa redonda