Axenda de Eventos

Exposición
Sacrificio e ascensión. 15 anos de cómic de David Rubín
Do 18 setembro ao 17 xaneiro | Sala de Exposicións Afundación Ourense
Comeza:
18 setembro | 17:30
Remata:
17 xaneiro | 20:30
Onde:
Sala de Exposicións Afundación Ourense

Antolóxica sobre o autor de banda deseñada ourensán, que percorre a súa carreira desde os inicios até a actualidade, momento no que David Rubín está a triunfar na meca do cómic, o mercado estadounidense. Ademais de observarse a súa evolución como artista, na mostra poden verse moitos dos seus debuxos animados en realidade aumentada, podendo descubrir todo o proceso do seu traballo para nos achegar un chisco a esta arte: bosquexos, entintados, coloreado e deseños finais.

 Ademais, poderase gozar dun mural que o propio artista David Rubín fixo ad hoc na sala, onda un audiovisual que amosa os pasos desta creación.

Desde uns duros comezos en que o cómic era unha paixón, máis ca un traballo, ata o momento actual en que se converteu nun dos historietistas máis solicitados do panorama internacional. Atopámonos perante a exposición máis extensa realizada sobre este autor, máis de 230 obras, en que se abordan todos os seus fitos creativos. Na súa primeira etapa como profesional destacan títulos coma La tetería del oso malayo ou Cuaderno de tormentas; mais non é ata El Héroe cando consegue o éxito nacional e internacional, xa que se publica no estranxeiro, abríndolle a porta a outros mercados. Séguelle Beowulf, outra obra sobresaínte que o confirma coma un dos autores fundamentais do panorama actual. Comeza así a traballar para o mercado americano en series coma Aurora West, La Ficción, Ether ou Sherlock-Frankenstein, combinando devanditos traballos con outros realizados directamente para o mercado español, coma Gran Hotel Abismo ou Fuego, o seu último proxecto aínda en desenvolvemento, que verá a luz en 2021 da man da editorial Astiberri.

Tipo de evento: Exposición
Entrada: Entrada de balde