Axenda de Eventos

Exposición
Paisaxes incultas: Metamorfose do monte galego
Do 26 xuño ao 25 outubro | Torres Hejduk Santiago de Compostela
Comeza:
26 xuño | 10:00
Remata:
25 outubro | 20:00
Onde:
Torres Hejduk Santiago de Compostela

O monte autóctono galego caracterízase polo seu terreo inculto (sen cultivo ou labor), onde cada pedra ten un nome e cada planta, un uso; e onde en moitos dos seus recunchos xermolaron lendas milenarias que alimentaron a súa identidade. É máis ca paisaxe; é contedor dun rico patrimonio cultural inmaterial. No entanto, a acción do home está a mudar o seu aspecto. Unha metamorfose física evidente coa proliferación de plantas adventicias e foráneas con consecuencias ecolóxicas, na súa estética, nos seus usos e tamén no noso xeito de relacionarnos con el.

Destes cambios nada inofensivos advírtenos a instalación nas Torres Hejduk da arquitecta Cristina García Fontán, nunha chamada de atención para que a autenticidade e identidade do noso monte non acabe reducida a peza de museo.

Para amosar e alertar desta transformación, reconstrúe na torre opaca un monte típico galego coa súa vexetación e solo característicos: musgo, liques, matogueira, breixo, toxo e herba. Un espazo pensado para escoitar, grazas a relatos que ateigan esta instalación de seres fantásticos e historias incribles ás que só o noso monte lle puido dar vida. En contraposición, na torre de cristal recréase un solo con mimosas, eucaliptos e outras adventicias que medran de forma frondosa, dificultándonos o acceso e a visión. Unha dualidade na procura dunha reflexión crítica, construtiva e colectiva.

Cristina García Fontán

Doutora arquitecta especializada en Urbanismo pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, onde imparte docencia e coordina o Grao en Paisaxe  . Forma parte do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente, que desenvolve numerosos proxectos sobre a cidade e a sustentabilidade.

Como proxectos destacados en materia de paisaxe están o Corredor Verde da Almáciga, o Plan director de recuperación paisaxística do Monte do Gozo. Ademais, colaborou na redacción da Estratexia Urbana da Infraestrutura verde da Área urbana da Coruña.

Tipo de evento: Exposición