Axenda de Eventos

Exposición
Redeiras. Unha profesión con historia
Do 22 maio ao 30 agosto | Museo Centro Gaiás Santiago de Compostela
Comeza:
22 maio | 10:00
Remata:
30 agosto | 20:00
Onde:
Museo Centro Gaiás Santiago de Compostela

Exposición fotográfica itinerante da Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’, co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, que pon en valor o papel das mulleres nun dos máis antigos oficios mariñeiros: a arte da reparación e da fabricación de redes.

Durante moito tempo o labor das redeiras resultaba descoñecido, pouco visible e valorado. Na actualidade, empézase a recoñecer o seu importante papel, grazas á loita das propias traballadoras pola defensa dos seus dereitos. 

As redeiras conforman unha comunidade artesanal que loita desde o asociacionismo, polo mantemento e sustentabilidade da cultura pesqueira e do propio medio.

O obxectivo desta exposición itinerante, comisariada pola fotógrafa Xela Rodríguez, é darlle visibilidade e recoñecer a contribución ao desenvolvemento e sustentabilidade do colectivo de redeiras galegas, a través dunha mostra fotográfica que fai un percorrido polos procesos artesanais do seu oficio. 

En Galicia é onde existe un maior número de redeiras, 711 das 883 de todo o territorio español, sendo un colectivo formado no 99% por mulleres que desempeña de modo artesanal a súa actividade e constitúe un traballo imprescindible para a pesca e para o sector. O seu labor de reparación e confección de redes, diferentes en función do tipo da arte de pesca, da técnica de confección da rede, mesmo a petición do armador, é fundamental para que os labores da pesca se poidan levar adiante. A arte de reparación e fabricación de redes é un dos máis antigos oficios mariñeiros.  

Durante moito tempo o labor deste colectivo de profesionais que conforma as redeiras resultaba descoñecido para moita xente, pouco visible e minusvalorado; na actualidade empézase a recoñecer o seu importante labor grazas á loita das propias redeiras pola defensa dos seus dereitos e intereses.

Precisamente, grazas a esta loita deste colectivo conseguiuse que 2009 se establecese esta actividade dentro da Familia Profesional Marítimo Pesqueira, co correspondente certificado de profesionalidade que recolle a “actividade de confección e mantemento de artes e aparellos”.

Tipo de evento: Exposición  |  Fotografía