Xacopedia - Enciclopedia 2.0
A Xacopedia supón a recompilación e posta en valor, por primeira vez e dunha maneira tan específica, dun patrimonio singular e único que só Santiago posúe, como meta milenaria dunha das rutas de peregrinación máis importantes —posiblemente a máis importante— do mundo, que é o Camiño de Santiago.
Ten o seu precedente na Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago, pero pero vai un paso máis alá, ao facer accesible a todo o mundo calquera aspecto relacionado coa cultura xacobea, valéndonos para iso dunha ferramenta universal como é Internet. Así, proponse tanto unha Xacopedia no sentido máis enciclopédico -Buscador de termos-, coma unha rede social interactiva que lles permita a todos os amigos da cultura xacobea compartir a súa experiencia e coñecementos sobre o tema de forma rápida e sinxela, tanto a través do ordenador coma de dispositivos móbiles.
A consulta a través da Xacopedia é rápida, sinxela e moi intuitiva
A obra, coma o propio Camiño de Santiago, traspasa as fronteiras europeas para chegar alá onde o fixeron a figura do apóstolo Santiago e a propia ruta xacobea, a lugares tan recónditos coma Perú, Zelandia, Cabo Verde, Israel, Filipinas…
A consulta a través da Xacopedia é rápida, sinxela e moi intuitiva, de xeito que resulta doado atopar un termo específico, pero tamén acceder a información máis xenérica; funciona pola súa vez como unha ferramenta de coñecemento xeral do que supuxo, e supón, a peregrinación xacobea.
A información compleméntase con máis de dúas mil fotografías, gráficos, ilustracións e mapas que fan da Xacopedia a obra máis completa e actualizada do fenómeno da peregrinación a Santiago e de todo o relacionado coa cultura xacobea ao longo da súa historia.
En todo caso, o mellor da Xacopedia virá dado pola achega, tanto gráfica coma de textos, que os milleiros de persoas de todas as latitudes e nacionalidades queiran verter nela para apontoala no que xa é a súa xénese: unha obra colectiva e interactiva que medra día a día co esforzo de todos.
Que podemos atopar na Xacopedia?
O contido inicial da Xacopedia, achegado por expertos internacionais, será ampliado, matizado ou comentado pola comunidade de usuarios a través desta web 2.0, que permite a colaboración na produción de contidos e un intercambio áxil de información. Intelixencia colectiva ao servizo de todos os amantes do Camiño.
LUGARES

Podemos coñecer a xénese e a historia xacobea de cada localidade pola que pasa o Camiño, desde as grandes cidades ás máis modestas aldeas, así como os servizos que se lle ofrecen ao peregrino.
RUTAS

A Xacopedia reúne todos os camiños de Santiago coa súa historia, ruta e peculiaridades, de xeito que poderemos coñecelos individualmente e polo miúdo, e mesmo teremos a oportunidade de seguilos como se se tratase dunha peregrinación virtual.
CONSULTAS

A Xacopedia permite acceder directamente a todos os termos relacionados coa cultura xacobea dun modo rápido e sinxelo, e permite tamén afinar procuras para concretar resultados ou ir directamente ao dato que nos interesa consultar.
PERSOEIROS

Todos os persoeiros relacionados dun ou doutro xeito coa historia xacobea, desde o propio apóstolo Santiago ata humildes peregrinos históricos, reis, nobres, guerreiros, santos…, todos aparecen na Xacopedia.