1/Sep/2019

El ciclo Música no Camiño se despide en Santiago tras más de 20 conciertos para impulsar las bandas de música popular en verano

  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asiste hoxe á actuación de clausura do programa a cargo da Banda de Música Unión de Guláns
  • A iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia vén celebrando a edición deste ano desde o pasado mes de xuño

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2019

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asiste hoxe en Santiago de Compostela ao concerto da Banda de Música Unión de Guláns, de Ponteareas, dentro do ciclo musical Música no Camiño, impulsado pola Xunta de Galicia, que pecha ás 19,45 horas a edición deste ano tras máis de 20 actuacións musicais a cargo de diferentes bandas populares galegas.

Desde o pasado mes de xuño o ciclo difundiu a cultura xacobea e desenvolveuse con concertos gratuítos abertos ao público en xeral, especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan á etapa final do Camiño de Santiago. Os repertorios incluíron obras populares galegas, música contemporánea para banda e adaptacións de música moderna.

Na edición deste ano a Consellería de Cultura e Turismo colaborou coa Federación Galega de Bandas de Música Populares a través dun investimento de 60.000 euros que fixo posible a participación dunha vintena de agrupacións.

Este programa responde ás aspiracións do Goberno galego por fortalecer a cidade de Santiago de Compostela como meta do Camiño, un dos compromisos incluídos no Plan director do Camiño de Santiago e no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021.