18/Oct/2012

A Organización Mundial do Turismo invita á Xunta a expoñer o seu modelo de aproveitamento turístico do Camiño de Santiago

Dentro do panel sobre Turismo Relixioso e Diálogo Intercultural da Conferencia Internacional Valores Universais e Diversidade Cultural no século XXI: Como pode o turismo converterse en factor de cambio, organizada pola Organización Mundial do Turismo na cidade armenia de Yerevan, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz Gestoso, pronunciou un relatorio sobre o aproveitamento turístico do Camiño de Santiago.

A OMT convidou á Xunta de Galicia a expoñer neste encontro que reúne a expertos e membros do sector turístico de máis de vinte países a súa experiencia no eido do desenvolvemento turístico vinculado á Ruta Xacobea. O obxectivo que persegue a Organización Mundial do Turismo coa celebración desta conferencia é impulsar o posicionamento estratéxico dos países convidados ao encontro para reforzar a cooperación en Europa de cara a incrementar a competitividade turística.