13/sep/2011

A Consellería de Cultura mellorará a seguridade do Camiño Portugués ao seu paso por Padrón

O percorrido do Camiño Portugués polo concello de Padrón mellorará nos vindeiros meses. Vai ser grazas á supresión de varios tramos coincidentes coa estrada N-550 e a vía férrea entre esta localidade e Santiago de Compostela. Substituiranse por trazados alternativos, máis seguros, xa en avanzado estudo. Para ultimar estas melloras, mantiveron unha reunión de traballo no Concello padronés o seu alcalde, Antonio Fernández Angueira, e a directora-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, Camino Triguero Salas. No encontro participou tamén José Antonio de la Riera, en representación da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS).

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo vén de iniciar un plan de acción destinado a suprimir progresivamente os tramos máis conflitivos dos Camiños de Santiago en Galicia, sobre todo os coincidentes con estradas. A obxectivo é substituílos por outros que, sen alterar o trazado, se adapten mellor ás necesidades de tránsito dos peregrinos, xa que estes, súa meirande parte, realizan estas rutas a pé.

Os primeiros esforzos céntranse, como se vén de sinalar, no Camiño Portugués, o segundo máis transitado tras o Francés, e tamén un dos que concentra máis tramos difíciles, debido a que atravesa zonas cunha gran densidade de poboación e vías de comunicación. Tamén se está a traballar nas restantes rutas, coa colaboración das distintas asociacións galegas de amigos do Camiño de Santiago.