O Xacobeo leva a quince municipios dos Camiños Norte e Primitivo na provincia de lugo o programa cultural Vive o Camiño
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, presentaron hoxe o programa cultural Vive o Camiño, que percorrerá quince concellos da provincia durante o próximo mes e medio.
Vive o Camiño céntrase nos municipios do Camiño Norte e Primitivo, aos que a Xunta de Galicia adica este ano a actividade promocional dentro do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021. En total, comprende 15 concellos de Lugo e 4 da Coruña.
Polo que respecta á provincia de Lugo, a programación percorrerá no Camiño Primitivo os municipios de Lugo, A Fonsagrada, Castroverde, Friol, Baleira e Guntín. No Camiño Norte, realizaranse actividades en Ribadeo, Lourenzá, Barreiros, Mondoñedo, Abadín, Begonte, Trabada, Vilalba e Guitiriz.
A delegada territorial, Raquel Arias, fixo fincapé no esforzo que está a realizar a Xunta por “enriquecer a experiencia do Camiño, tanto para os peregrinos como para os veciños e veciñas dos municipios polos que atravesan as rutas”.
Ao respecto, lembrou que tamén está en marcha a cuarta edición de Cultura no Camiño, que inclúe preto de 100 espectáculos en 24 concellos situados nas rutas xacobeas lucenses (nos Camiños Norte, Primitivo, Francés e de Inverno. Segundo o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, ambas ofertas “compleméntanse”e ambas configúranse en colaboración cos concellos, que neste caso fixaron o tempo e lugar de celebración de cada espectáculo.
Sánchez subliñou o incremento de peregrinos que experimentaron as rutas Primitiva e do Norte dende que foron declaradas Patrimonio da Humanidade, e afirmou que “esperamos un incremento de entre un 8% e un 12% na cifra de peregrinos con respecto a hai un ano”.
A programación de Vive o Camiño bota a andar mañá en Ribadeo cun show que combina novo circo, maxia, música e humor, no que actuarán os artistas Isla Letriska, Dani García e Vaamonde, Lamas & Romero. Rematará o 12 de agosto en Guntín co espectáculo da compañía de monicreques Trompicallo.