BETANZOS

No Camiño de Santiago
No Camiño de Santiago

Centros históricos

A non perder

Festas de San Roque e Santa María: celébranse do 14 ao 25 de agosto. Nelas destaca o lanzamento do globo de papel máis grande do mundo e a romaría dos Caneiros, xira fluvial en embarcacións repletas de romeiros polo río Mandeo cunha multitudinaria comida campestre. Declaradas de Interese Turístico Nacional.

Feira Medieval: ten lugar a segunda fin de semana de xullo. O casco antigo convértese nunha cidade medieval cos betanceiros e foráneos vestidos de época, con postos de artesáns, actividades gremiais e con gran variedade de representacións teatrais e de música na rúa.

Para coñecer

A Praza dos Irmáns García Naveira é un bo lugar para comenzar a visita a Betanzos. Está presidida pola espléndida Fonte de Diana en bronce de mediados do s. XIX de estilo versallesco, e a ela ábrense unha serie de edificios monumentais construídos entre os ss. XVI e XVIII: o Convento de San Domingos, no que está situado o Museo das Mariñas, que conta cunha boa colección pictórica, sepulcros romanos e medievais e unha sección dedicada ao traxe galego; o Arquivo do Reino de Galicia e a Biblioteca Municipal ou Colexio de Orfas.

Se nos internamos dende aquí cara ao casco histórico, cómpre deterse noutras dúas prazas, a de A Constitución e a de Fernán Pérez de Andrade, o Bo. Na primeira sitúase a vistosa e neoclásico Casa do Concello e a torre municipal do reloxo, acaroada a unha das tres ábsides da Igrexa oxival de Santiago (s. XIV), moi preto da cal se erguen o Pazo de Lanzós (s. XVIII), o gótico Pazo de Bendaña (s. XV) e a Casa Núñez, de estilo colonial. Na segunda, pola súa banda, aparecen os dous edificios máis singulares e importantes de Betanzos, os templos góticos de Santa María do Azougue e de San Francisco, situados en ambos extremos da praza e cun cruceiro entre ambos. Da Igrexa de Santa María cómpre destacar a fachada cun fermoso rosetón e unha portada con numerosas arquivoltas e un tímpano onde se representan a Epifanía e a Anunciación. O interior ten tres naves e cuberta de madeira, destacando o retablo flamenco con catorce tallas de gran valor artístico. San Francisco está recoñecido como o mellor exemplo galego de gótico mendicante (s. XIV) e conta no interior co sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, o seu promotor, alzado polo oso e o porco bravo, animais que simbolizan a liñaxe da súa familia. A capela maior, de forma poligonal, é de gran beleza e ten unha representación do Xuízo Final, coa particularidade de que un dos anxos toca a gaita en lugar da trompa habitual.

Murallas: rodeaban o casco histórico; medievais, dos s. XIV e XV. Conservan varias das portas de acceso á vila.

Ademais dos elementos mencionados cómpre perderse polas rúas do casco histórico betanceiro, que nos ofrecerá impresionantes mostras patrimoniais, pois son incontables os edificios nobres de interese que posúe.


Aldea singular

O Parque do Pasatempo é un lugar de fantasía comezado a construír en 1893 polos irmáns García Naveira, no que se representa un mundo onírico, fantástico, con centro no Xardín Enciclópédico ao que se abren labirintos, canais, miradoiros, fontes e 256 esculturas de papas, emperadores romanos e mesmo un pequeno parque zoolóxico pétreo. Todo construído cun certo afán educativo popular, pero tamén moi próximo ás ideas filantrópicas e románticas de mostrar elementos da historia pasada gloriosa e de culturas e países afastados. Foi recuperado recentemente e volve contar co esplendor de tempos pasados, cando nos anos 1920 tiña unha gran sona europea.


Camiños de Santiago

Camiño Inglés

BETANZOS

cargando mapa...

Descargue as coordenadas do recurso que lle presentamos ...

> Clic aquí para ter axuda sobre a descarga nos diferentes formatos
Última actualización: Mon May 04 18:49:57 CEST 2015