Vía da Prata

Etapa: Feces-Laza

  • Lonxitude 36 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 9h 05min

Os antigos camiños portugueses do interior en dirección a Santiago son numerosos e penetran na provincia de Ourense por toda a fronteira sur, uníndose aos xa descritos en diferentes puntos do seu percorrido: Verín, Laza, Xinzo e Ourense.

Feces- Verín

  • Lonxitude 18,9 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 4h 45min

O Camiño vén de Chaves, cruza a fronteira e pasa por Feces de Abaixo, ás beiras do Támega e o Mandín. Xa no concello de Verín, cruza pola aldea de Tamaguelos, onde hai unha igrexa dedicada ao apóstolo Santiago, e continúa por Mourazos e Tamagos. Santa María e san Martiño son os titulares nas igrexas destes dous lugares.

Verín- Laza

  • Lonxitude 17,1 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 4h 20min

Pasada a vila de Verín, a ruta acada os lugares da Pousada e Mixós, este último célebre pola súa igrexa prerrománica do século IX, que conserva nas súas ábsidas aras romanas e restos de pintura mural. Despois de Estevesiños, Vences e Arcucelos, chégase ao lugar de Retorta, aínda no val de Monterrei. Na entrada atopamos un cruceiro e unha igrexa gótica dedicada a Santa Mariña.

Na vila de Laza, famosa polo seu Entroido, o camiño faise urbano, achegándose á igrexa de San Xoán de Laza, finalizada en 1701. Éntrase no templo a través dun pórtico aberto na torre de campás, cun escudo do marqués de Tenebrón ornado con cinco vieiras. Laza é unha encrucillada na que se une este itinerario coa Verea Sur, para continuar xuntos cara a Vilar de Barrio e Xunqueira de Ambía.