Vía da Prata

Etapa: Dozón - Bendoiro

  • Lonxitude 18,4 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 4h 10min

Camiñamos por terras altas, solitarias e espidas de vexetación, ata que comezamos o rápido descenso á canle do río Dezón, en Pontenoufe. Estamos xa no municipio de Lalín.

Dozón- Pontenoufe

  • Lonxitude 8,1 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 1h 35min

Saímos do Castro de Dozón polas proximidades da igrexa, ata alcanzar o Alto de San Domingos. Estamos a 736 m de altitude, e son estas terras frías con neves frecuentes nos meses máis duros. A toponimia que nos sae ao paso recolle un pasado prerromano: Mámoa de Xandín ou Mámoa do Castro. Camiñamos por terras altas, solitarias e espidas de vexetación, ata que comezamos o rápido descenso á canle do río Dezón, en Pontenoufe.

Pontenoufe- Bendoiro

  • Lonxitude 10,3 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 35min

Estamos xa no municipio de Lalín. Alcanzamos Puxallos e A Xesta. Logo vanse sucedendo pequenas aldeas, como Carrás, Medelo e o Mesón de Cuñarro, na área de Botos. Seguimos un Camiño Real, noutro tempo con mesóns e pousadas, e que hoxe aínda mantén algo daquel espírito. A localidade de San Xoán de Botos, patria do famoso pintor Laxeiro, aparece pouco despois.

Donsión, a seguinte aldea, é un fermoso lugar no que se alza unha magnífica igrexa barroca. A 4 km de Donsión atópase a vila de Lalín, capital da comarca do Deza e puxante núcleo empresarial do interior de Galicia. E desde Donsión ata Bendoiro camiñamos por Fondevila e A Empedrada. Na Laxe hai un albergue.